Máis de 650 alumnos de Primaria de 14 colexios das comarcas de Pontevedra, O Salnés, Redondela e O Morrazo déronse onte cita no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra para participar nunha entrevista colectiva en directo aos actores e presentadores de televisión galegos Xosé Antonio Touriñán e Diana Nogueira. Os estudantes fixeron de xornalistas no marco do proxecto educativo FARO DA ESCOLA. "Acordáos que hay que ser legales, ¿vale?", comentoulles en clave de humor Touriñán nada máis presentarse ante os estudantes, e antes de que el e Nogueira se fixesen unha fotografía co Auditorio cheo ás súas costas.

Tomou despois a palabra a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que dixo que "hoxe vai ser un luns moi especial", e animou aos nenos a facerlles preguntas a Touriñán e a Nogueira "que os poñan en apuros". "O xornalismo é fundamental para unha sociedade democrática", engadiu.

Abriu a entrevista o xornalista de FARO Armando Álvarez, e de seguido foi o turno dos nenos, que foron subindo ao escenario de dous en dous. Un bo número de preguntas xiraron arredor da igualdade de oportunidades laborais entre homes e mulleres no mundo da interpretación. "En televisión dá igual ser home ou muller, pero si que hai máis papeis masculinos", admitiu Touriñán.

CEIP DE CEDEIRA

"Non se pode escoller unha soa. É a profesión que nos deixa ser todo. Podo ser médico, electricista, un xubilado...", contestoulle Touriñán a pregunta de cal das súas vertentes artísticas lle satisfai máis. Ademais, dixo que "subir ao escenario engancha". Diana Nogueira, pola súa parte, lembrou a preguntas dos nenos as emocións vividas en 1999, cando participou no concurso de Miss Universo.

CEIP DE PORTO CaBEIRO

Os alumnos do Porto Cabeiro preguntáronlle a Touriñán se hai igualdade de oportunidades entre sexos no traballo da interpretación, ao que el contestou que "dá igual ser home ou muller, aínda que si que hai máis papeis para homes". Entende que isto se irá corrixindo a medida que haxa máis mulleres guionistas. Diana Nogueira, entre tanto, contestou que o soldo dos actores non depende do sexo, senón da súa situación. "Unha actriz de Hollywood cobra máis que un actor en Galicia".

CEIP DE RUBIÁNS

Cal sería a vosa profesión se non fósedes actores? "Gustaríame ser futbolista, pero gústame máis comer que correr", respondeu Touriñán á pregunta dun dos alumnos de Rubiáns. Sobre os seus referentes artísticos, o actor coruñés citou a Miguel de Lira ou Carlos Blanco. Diana Nogueira gabou a calidade do audiovisual galego, e fixo alusión ao éxito de "La noche de Rober" ou "Fariña".

CEIP DE SAN ROQUE

O colexio San Roque tamén se interesou pola igualdade de xénero. "Cando eu era neno non se falaba tanto disto, pero si que se empezaba a dar unha educación diferente", dixo Touriñán. Engadiu que na súa opinión, un dos grandes avances da educación son as clases mixtas de sexos. Diana Nogueira subliñou que no mundo da moda "non existe desigualdade".

CEIP DE SEARA

Diana Nogueira contestou sobre o arreglo físico preciso para saír en televisión que se trata dun traballo en equipo no que interveñen tamén os estilistas ou os perruqueiros. Touriñán apuntou pola súa parte que "hai que criticalos igual", en referencia a se se critica máis aos homes ou ás mulleres no mundo da interpretación.

CEIP DO CARBALLAL

Os alumnos do Carballal interesáronse tamén pola igualdade laboral. Ambos os dous convidados incidiron en que no cinema ou no teatro hai bastante igualdade, e Touriñán fixo fincapé en que se trata dun traballo no que se esixe unha gran responsabilade. "Hai que aprender o texto, chegar puntual á rodaxe..."

CEIP ENRIQUE BARREIRO

Os cambadeses do Enrique Barreiro preguntaron polas preferencias artísticas dos dous entrevistados, con experiencia tanto en rexistros cómicos como dramáticos. Touriñán explicou que "me sinto cómodo facendo as dúas cousas" e que "o medo non é a que me encasillen, senon a non ter traballo". A viguesa Diana Nogueira, pola súa parte, asegurou que "cando xa probaches unha cousa, gústache traballar noutras".

ceip MONTEMOGOS

Touriñán tamén se referiu á parodia sobre igualdade de xénero que fixo na serie "Land Rober" na que os protagonistas eran Moncha e Manolo.

CEIP QUINTELA

Os alumnos do colexio de Quintela quixeron saber como fan os actores para compatibilizar o seu traballo coa vida familiar. Nogueira contou que o seu marido tamén é actor, e que resulta difícil atopar tempo para todo. Touriñán explicou que ten dous fillos, e que é a súa muller, mestra, quen se encarga principalmente da crianza deles.

CEIP SAN MARTIÑO

Touriñán explicou a orixe da famosa parella humorística "Mucha e Nucha". "Decidimos que tiñan que ser cantareiras, porque neste país as cantareiras son elas". Nogueira, pola súa parte, subliñou a importancia que ten manter os pés na terra no mundo da actuación para non perder a perspectiva e que o éxito "non se suba á cabeza".

Touriñán e Diana Nogueira, protagonistas de Faro da Escola en Pontevedra

Touriñán e Diana Nogueira, protagonistas de Faro da Escola en Pontevedra

CPR SAGRADA FAMILIA

No Sagrada Familia, de Vilagarcía, iniciaron o seu cuestionario sobre "Fariña", onde Touriñán encarna a un membro da familia Charlín. "Espero que os nenos non vexades esa serie", apuntou en alusión á dureza da serie. Nogueira, entre tanto, apuntou que hai diferencias entre o traballo dos presentadores e os modelos, "porque a maneira de transmitir é distinto".

CPR SAGRADO CORAZÓN

"Mucha" tamén foi o motivo da pregunta a Touriñán no caso dos alumnos do Sagrado Corazón. "Todos e todas tivemos avoas, que na miña casa eran as que se ocupaban de todo. No rural quen traballaba de verdade eran as nais e as avoas. Miña avoa era a jefa, a mellor do mundo". Diana Nogueira declarou pola súa parte que "estamos no camiño da igualdade".

CPR PLURILINGÜE VIGO

"É máis difícil para as mulleres ser cómicas", sostén Diana Nogueira, ás preguntas do Plurilingüe de Vigo. De feito, lembrou que na actualidade hai máis homes que mulleres no xénero da comedia. Touriñán, no seu caso, dixo que "é difícil facer rir sempre".

CPR SANTIAGO APÓSTOL

Os nenos do Santiago Apóstol pecharon o acto preguntándolle aos entrevistados que lles parece a profesión de xornalista. Nogueira sinalou que é un traballo "fascinante", pero admitiu que "prefiro ser actriz". O seu compañeiro sobre o escenario do Auditorio tamén escolle a interpretación. "Os xornalistas teñen que contar sempre a verdade, e aos actores non lles fai falta".