O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) propuxo esta semana a posible incorporación de psicólogos e psicólogas nos centros de saúde galegos nunha xuntanza que mantivo coa Consellería de Sanidade. Así llo trasladaron a decana do Colexio, Mª Rosa Álvarez Prada, e o presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG, José Eduardo Rodríguez Otero, no encontro co director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

Galicia non pode ser a última Comunidade autónoma en incorporar a psicoloxía clínica nos servizos de Atención Primaria. En Aragón, Asturias, Cataluña, Illas Baleares, Madrid e Valencia está aprobado ou xa comezaron a funcionar.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que en 2020, a depresión e a ansiedade serán a primeira causa de incapacidade laboral, unhas baixas que adoitan ter unha longa duración, unha cuestión que só se aborda a través da farmacoloxía. Unha de cada cinco persoas consume ansiolíticos, hipnosedantes ou antidepresivos no noso país: estamos á cabeza de Europa en consumo de psicofármacos e á cola en psicoloxía clínica na rede pública.

Está demostrada a eficiencia da psicoloxía en atención primaria, na que estudos probaron que se produce un aforro de 4 dólares por cada un investido, e para mellora a saúde das persoas. De feito, reduce as derivacións ás Unidades de Saúde Mental ao atallar as problemáticas en situacións máis temperás.

Desde o COPG enténdese que é tempo de que a psicoloxía en concreto e a saúde mental en xeral deixen de ser as irmás pobres do sistema público de saúde e que se garantan os dereitos recollidos nas distintas lexislacións, tanto autonómicas como estatal, así como as recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

Tamén se lles trasladou a urxencia en incrementar as contratacións de facultativos especialistas en psicoloxía clínica, xa que actualmente traballan 94 psicólogos clínicos no Sergas, o que ten como consecuencia, entre outras, que existan dispositivos sen psicólogos clínicos.