Un teatro sen medo, deses que non pide permiso para falar, para rir ou para emocionar, un teatro que colle a palabra e o escenario e consegue convertelo nunha poderosa arma que é quen de mover conciencias, de cambiar mundos e realidades imaxinadas, así, coa forza dos que chegaron antes e co pulo dos que aínda están por vir, celebrou onte a Asociación de Actores e Actrices de Galicia a vixésimosegunda edición dos premios María Casares. Foi unha noite, a de onte no teatro Rosalía de Castro da Coruña, para reivindicar os "corpos diversos", as mulleres que xa non calan cando sofren acoso e para as que teñen que loitar a diario contra os tópicos das persoas que non entenden que ser actriz é unha profesión para a que cómpre ter preparación e na que nunca se para de aprender.

Houbo catro espectáculos que soaron onte máis veces que os demais. "Resaca", de IiMaquinario Teatro levou os premios de Mellor escenografía, Mellor Iluminación, Mellor música orixinal e mellor actriz secundaria, para Laura Míguez. "Elisa e Marcela", de A Panadaría, que recolleu os premios de Mellor texto orixinal, Mellor actriz protagoinista, para Areta Bolado, mellor dirección, para Gena Baamonde e Mellor espectáculo. E sonou catro veces tamén o nome de Producións Teatráis Excéntricas, pola súa obra "A cabeza do dragón", que recolleu os premios por ter o Mellor vestiario, pola mellor tradución/ adaptación, a que fixo Quico Cadaval dun texto de Valle-Inclán, o Mellor actor secundario, Víctor Mosqueira e tamén o mellor actor protagonista, Iván Marcos.

Iván Marcos gañou este ano o Mestre Mateo á Mellor interpretación protagonista polo seu papel en "Dhogs". Hai doce anos, tamén Luis Tosar conseguira, nun mesmo ano, levar os dous grandes galardóns de intepretación do audiovisual galego.

O galardón para a mellor maquillaxe levouno Trini F. Silva, polo seu traballo en "Outono", da compañía Pistacatro, e o premio ao Mellor espactáculo infantil foi para "A galiña azul", de Tanxarina, co texto de Carlos Casares, mais revisado e actualizado por Cándido Pazó.

A gala -dirixida por Artur Trillo- comezou onte co coro Encaixe interpretando "Leverelem", de Marful, e, sobre o escenario, actores e actrices que falan da profesión, do complicado que é para as nenas que, un día, din na casa que queren dedicarse ao teatro e que, día a día, teñen que escoitar o discurso de quen lles di que, coa memoria que teñen, por que non estudan unha oposición?

A presidenta da asociación, Nieves Rodríguez, falou onte en "feminino plural", sen pedirlle perdón a quen lle "incomoda" que as verbas rematen en a. "Se alguén se incomoda é que está a mirar á metade da humanidade non ao seu carón senón enfronte", Rodríguez, que é a terceira presidenta da asociación, nos seus corenta anos de vida, chamou a todos aqueles que cren que esta loita non vai con eles "a desetar", a deixar a súa trincheira e a se uniren ao bando das que denuncian as violencias machistas e que procuran un mundo no que falar, ser titititeira, rapeiro ou utora dun tuit non sexa delito. "As mulleres estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá, aínda que ese mañá ha ser ben diferente ao que vivimos, ha de ser un mañá cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas", sentenciou a presidenta da asociación, que esixiu un Centro Dramático Galego máis libre e a fin dos "presos políticos".

O seu discurso deu paso á despedida ao momento de lle brindar o derradeiro aplauso a compañeiros de profesión que xa non están, entre eles Mateo González, que o ano pasado faleceu logo de asistir á festa que se celebrou ao rematar a gala dos María Casares.

Entre entrega e entrega de premios, os presentadores e tamén os seus compañeiros de reparto lembraron algunhas das anécdotas que máis lles fixeron rir sobre o escenario. Conta Xesús Ron, de Chévere Teatro que, durante un tempo, a empresa constou no rexistro como que se dedicaba á reparación de tractores porque alguén no rexistro anotou con tan mala letra representacións teatrais, que outro alguén, deu en ler reparación de tractores, a ninguén lle estrañou que tiveran a sede "nun cuarto piso". Lembraron tamén a Roberto Vidal Bolaño falándolle en galego a un público que non coñecía o idioma e aquel xamón que baixou da "vara quince" nun teatro español á "hora do bocadillo".