"Poesía, convicta natureza de illa", escribiu Xohana Torres (Ferrol, 1929 - Vigo, 2017) en "Tempo de ría" (1992). Ela, narradora, poeta, ensaísta, dramaturga, pioneira da radio en lingua galega, voz imprescindible da cultura galega contemporánea e referencia para as novas xeracións, foi tamén natureza de illa.

Recórdao o título da homenaxe que se lle rendeu onte na Real Academia Galega (RAG), que quixo dedicarlle o Día Mundial da Poesía meses despois do seu pasamento. A institución á que pertenceu recuperou as palabras, a escrita de Xohana Torres, nas voces de poetas, dramaturgos e amizades.

O público escoitou dous poemas da autora convertidos en cancións por Guadi Galego. A celebración contou coa participación da filla da poeta, Andrea Ellacuría Torres, quen pechou o acto xunto ao presidente da RAG, Víctor Freixanes.

"Algúns libros, algúns poemas, algunhas poetas, dannos unha casa para habitar", dixo a académica electa Ana Romaní, encargada da loanza. Da vixencia do seu legado deron conta as persoas do mundo das letras de distintas idades. Desde Tamara Andrés e Ismael Ramos, ambos nados na década dos 90, ata Xosé Manuel Beiras e a académica Luz Pozo. Berta Dávila, Carlos Negro, Ánxeles Penas, Ánxela G. Abalo, Gustavo Pernas, a académica Margarita Ledo e os académicos Xosé Luís Franco Grande e Euloxio Ruibal tamén recitaron.