O Pleno da Real Academia Galega (RAG) nomeou na sesión plenaria celebrada onte a Ana Romaní académica numeraria electa. A candidatura fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xohana Torres, falecida o pasado 12 de setembro. Na mesma xuntanza foi elixida académica correspondente a lingüista Carme Pazos.

A académica de número electa lerá o seu discurso de ingreso na RAG nunha sesión que se celebrará nos vindeiros meses. Ana Romaní (Noia, 1962) é unha voz de referencia do xornalismo cultural e da poesía galega contemporánea. Desde 1990 está á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido da radiodifusión en España. O seu labor xornalístico foi recoñecido con distintos premios aos que hai que engadir os galardóns concedidos ao propio programa.

O interese de Ana Romaní pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea levouna a promover iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e que propiciou a renovación deste xénero; ou "De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI" (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de 36 poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión.