"O que pasa coas óperas primas é que nesa rodaxe o director é o que menos sabe de toda a película entón tes que rodearte ben", conta Paula Cons. "O equipo, no meu caso, empurrou moito o proxecto e axudou a vestir o documental co seu talento", engade a directora de "A batalla descoñecida", a súa primeira vez na dirección pois antes fixera labores de produción e traballara como guionista.

Son moitas esas óperas primas nesta decimosexta edición dos Premios Mestre Mateo que se celebra mañá na Coruña. Na categoría de Mellor Documental tamén compiten "O tempo futuro", de Xoán Escudero, e "Castelao, de chumbo a verba", de Miguel López. E tres proxectos moi distintos están nominados como Mellor Curtametraxe, son as primeiras veces de Sara Casasnovas, que dirixe "Escarabana", Noemí Chantada con "A muller invisible" e Javier González Garrido con "Paquita".

A pontevedresa Anxos Fazáns volveu a Galicia despois de facer un máster de dirección na ESCAC en Barcelona cando o produtor Daniel Froiz, de Matriuska Producciones, propúxolle dirixir a adaptación da novela de xuventude de Manuel Jabois, "A estación violenta". "A historia tiña puntos en común con outras que xa tratara, con personaxes que viven ao límite, moi rápido. Sempre me chamaron a atención os personaxes autodestructivos, analizar esa escuridade. Foi un reto facer esta historia contada en silencios, na subcapa", asegura Fazáns, que conta con oito nominacións e compite pola Mellor Longametraxe.

Dezasete nominacións, incluída a de Mellor Longametraxe, convirten a "Dhogs" na favorita deste ano. O proxecto de catro amigos de Meira medrou arriscando para non deixar a ninguén indiferente. "É unha película difícil de contar, non é un fío conectado á clásica. O mellor é que ninguén nos dicía o que tiñamos que facer", conta director Andrés Goteira. "A produtora PixelFilms fixo que nos rodeáramos dun equipo de primeira liña e temos que dar as eternas grazas aos actores que apostaron pola peli", engade o lugués.

"Dhogs" está recorrendo festivales e chegará aos cines na primavera. Goteira conta que é una cinta que "se mete debaixo da pel". "Certas sensibilidades a odian e outras a queren", di.

E como todas as primeiras veces, os nervios estaban ahí para todos. "Apetecíame moito facer o documental, tiña experiencia dirixindo programas de televisión pero sempre hai momentos de abismo porque no fondo queres facer o mellor visual e estéticamente", afirma Paula Cons.

"Está sendo unha experiencia moi intensa, estou moi pegada á peli. Foron tres anos marabillosos e moi duros, pero creo que conseguimos facer o que queríamos", apunta Anxos Fazáns.

"Con esta película sentinme director de verdade, todo o equipo estaba moi ilusionado e fixemos o crowdfunding para que a xente se unira ao proxecto", explica Andrés Goteira.

Estes profesionais son o presente do cinema galego, pero a súa xuventude tamén indica a boa saúde da industria de cara ao futuro dun audiovisual de calidade que aínda ten moito que ofrecer. "Estamos loitando porque haxa industria e as películas pequenas inician esa industria, o que temos é que seguir e mantela. Hai xente como Emma Lustre (produtora de "Celda 211") que o leva facendo moitos anos. É complicado, poderíamos estar mellor, pero cando saímos fóra co documental alucinan con que fixeramos isto con ese presuposto", manifesta Cons.

"Dhogs", a cinta con máis nominacións

Andrés Goteira firma esta película de cine fantástico pero que mestura varios xéneros "tentando ser coherente". Rodada entre Galicia e Almería, conta con Antonio Durán "Morris", Miguel de Lira, Carlos Blanco e María Costas no reparto e foi apoiada por 300 pequenos inversores nos seus inicios.

A intensidade de "A estación violenta"

Anxos Fazáns dirixe esta adaptación da novela homónima do xornalista Manuel Jabois que presenta a un trío de personaxes (encarnados por Nerea Barros, Albert Rolán e Xosé Barato) que viven ao límite. Esta película de "primeiras veces" está producida pola galega Matriuska.

"A batalla descoñecida" polo wolframio

O primeiro documental de Paula Cons conta a historia oculta da venta de wolframio desde a España de Franco aos nazis. Un capítulo máis da Segunda Guerra Mundial no que sucederon máis cousas das que trascenderon ata os nosos días. Un documental feito con ollos de xornalista.