"Na construción da nosa identidade, somos herdeiras de mulleres que non coñecemos, por iso é importante sacalas á luz, para sentir o orgullo desa herdanza", asegurou a coordinadora do proxecto "Herdeiras",cantante e compositora, Carmen Penim, como leimotiv dun traballo que presentou onte no Club FARO. Cancións de memoria e identidade. E, para amostrar o camiño andando, Penim interpretou e directo o "Alalá da mala lúa", que ela mesma compuxo e que cantou con Margarida Mariño ao violoncello e Maurizio Polsinelli ao piano. Un público emocionado coa envolvente voz de Carmen Penim, comezou o acto ao calor dun aplauso. Falaba das "guerrilleiras da Chaira", como se deron en chamar as mulleres que colaboraron na supervivencia dos 'fuxidos' e dos temores desas valentes descoñecidas.

A escritora e xornalista Montse Fajardo tamén puxo voz á memoria e conversou coa autora peineirando vivencias. Foron artellando un diálogo baixo o título "Herdeiras. Unha homenaxe as mulleres galegas represaliadas non 36", recuperando historias de mulleres resistentes e solidarias, represaliadas ás veces só por loitar a favor de dereitos ou seren solidarias.

"Para que as mulleres teñamos a nosa identidade completa, temos que ter o cadro do que pasou en 1936; foi un retroceso enorme, porque xa se empezaba a andar [asegurou en relación co traballo feminino] e co franquismo volveuse a un modelo de muller tradicional, na súa casa, ao servizo da familia, do seu home, e sen unha autonomía...", valorou Penim. E nese contexto, a tamén docente valorou a tarefa das mestras das escolas republicanas. "Fálase do ensino de Finlandia como referente... pero as mestras republicanas en Galicia eran punteiras, foi unha profesión truncada", asegurou referíndose ás docentes e avalando coas aportacións do profesor Xosé Manuel Cid, da Universidade de Vigo en Ourense e o historiador Xosé Álvarez Castro. "Estiveron apartadas do maxisterio, e quero lembralas porque a pedagoxía que aplicaban nas escolas tiña un ideal de cidadán, que de súpeto se converteu en rezar e levantar a man ao alto. Había que andar con ollo. E eu, como ensinante, imaxino a dor terrible desa carreira truncada", indicou.

Tamén houbo un intre para desfrutar da curtametraxe da cineasta, historiadora das artes e profesora universitaria Margarita Ledo. O libro de Penim está acompañdo dunha curtametraxe, "Bucle", de Margarita Ledo. A autora do traballo audiovisual e a cantante aparecen nun plano introspectivo do traballo.

Monste Fajardo puxo nomes á lembranza e sinalou a Vilavella, María Vázquez, "a mestra de Miño que foi salvaxemente asasinada". E tamén a Tucha e Fina -dúas irmás mestras- de Pontevedra, que foron "rapadas, presas durante meses, e afastadas para sempre das aulas". Unha historia dramática xa que Tucha non volveu a exercer e Fina fíxoo por primeira vez con 63 anos na democracia, según a escritora. "Elas tamén teñen que estar hoxe no noso recordo", indicou Fajardo. "Quero darlle as grazas a Carme e tamén a FARO", afirmou, "aquí empezou a miña andaina".

Non houbo guerra no campo de batalla en Galicia e a maioría dos 'paseos' e paredóns, os mortos oficiais foron homes, defenderon. "A maioría de encarcerados foron homes, pero houbo moitas mulleres represaliadas e mulleres que aínda que non foron abusadas sexualmente, rapadas ou encarceradas, foron viúvas, orfas ou irmás que despois do fusilamento tiveron que sacar adiante soas ás familias. Foron resistentes e agocharon o pan para levar ao monte, foron solidarias e os 'guerrilleiros' non poderían ter sido sen o apoio das 'guerrilleiras da Chaira' e para os presos de San Simón, tería sido moito máis dura a prisión sen a axuda das mulleres da contorna de Redondela que lles levaban alimentos". Entón, leron un poema de Cáccamo.

Carmen Penim quixo destacar á coreógrafa Xiana Vilas, que adoita a participar nos concertos de "Herdeiras". "Sempre que poda, pedímoslle que veña con nós".

"O libro tamén ten esa vertente, de facer visible o traballo artístico das mulleres artistas, porque teóricamente avanzamos, pero na realidade deste país é unha realidade superflúa", asegurou Carme Penim. "A Cultura é un dereito como o pan, e as mulleres acusámolo dobremente porque, por moito que nas casas empecen a cambiar... é difícil para unha nai sair a tocar cando os meniños son pequenos", explicou en base ás experiencias cercanas. "Non hai unha estrutura que apoie ás familias", denunciou.