"Sempre me pareceu que se agocha algún segredo, misterio, ou historia no fondo dos cadros de Laxeiro, na historia de toda a súa pintura. Parece contarnos un conto que xamais terá desenlace coñecido", asegurou o literato Xosé Luis Méndez Ferrín, que onte recibiu o Premio Laxeiro 2018 de mans do alcalde de Vigo e presidente do Padroado da Fundación Laxeiro, Abel Caballero. O autor de "Con pólvora e magnolias" e colaborador de FARO definiuse como "laxeirano militante" e recibiu unha homenaxe da cultura galega o día da tradicional comida en honra a Laxeiro.

"Hai un Vigo literario e plástico do que forma parte Laxeiro, tan sólido e real como as pranchas de aceiro que se soldan e se cortan nos estaleiros da ría", proseguiu o escritor premiado. "Por iso, o único topónimo que aparece na poesía creacionista de Manuel Antonio é Vigo. E ao Vigo de Manuel Antonio pertencerá sempre Laxeiro".

Abel Caballero, que se recoñeceu seguidor de Ferrín, fixo unha louvanza da súa obra: "É imposible escribir milleiros de páxinas brillantes; que é do que Ferrín é capaz. É o que nos emociona cando lemos a súa obra e escoitamos os seus discursos, e cando abrimos o FARO DE VIGO e alí atopamos a pluma de Ferrín. Seguramente sexa merecedor dun Premio Nobel, porque ser capaz de emocionar de forma continua a tantas persoas é propio dos mellores, dos eternos, como Laxeiro na pintura", asegurou o rexedor vigués.

Foi un día solleiro para o tradicional xantar -no mesmo restaurante de Alcabre no que o pintor de Lalín citaba aos seus amigos-. E tamén foron radiantes en calidade as intervencións, como a do director xeral de Edicións Xerais de Galicia e editor de Méndez Ferrín, Manuel Bragado, que fixo unha glosa do autor. "Para min, Ferrín foi o primeiro e maior renovador da cultura galega contemporánea", resumiu. ("Os eloxios son escandalosamente excesivos", respostaríalle logo o galardoado).

E o encargado de ler a acta oficial do Premio foi o secretario do Padroado e neto do pintor galego, Carlos García-Suárez Otero, que dixo do seu avó que "foi valedor das artes plásticas, un claro expoñente do traballo ben feito e un dos Bos e Xenerosos".

Tras ler a acta, foi Ferrín quen tomou a palabra. Carraspeou. Pediu desculpas por un repentino catarro que tiña ecos de emoción. E sumerxiuse no labirinto das súas lembranzas para chegar ao precoz encontro de Laxeiro: "Os cadros murais de Laxeiro forman parte da paisaxe máis próxima a min nos días infantís e adolescentes e contribuíron a formarme e educarme na sensibilidade estética contemporánea", recoñeceu. "As figuras, formas, cores, liñas, silencios ópticos que me atraían e desconcertaban sendo rapaz dos cadros de Laxeiro, formaban parte dos meus propios soños e se prolongaban nas miñas fantasías diurnas", indicou. Tamén destacaría Ferrín o volume editado en Vigo por Grial en 1951, "Pintura actual en Galicia", no que Laxeiro se declaraba admirador de Picasso e Rembrandt. "Tiven ocasión de asistir á evolución da pintura de Laxeiro, desde o onirismo inquedante, sen deixar de ser ledo, a estados estéticos de neoexpresionismo multiforme...", recoñeceu. Ao tempo que valorou que "as bonecas e figuras eslavas do derradeiro Malévich" -pintor ruso creador do suprematismo- "transformadas en líricas extraplásticas, amosan unha rara semellaza interna con Laxeiro". Tamén destacou a Vigo como cidade natal do pintor Serafín Avendaño -presente en forma de 'querido pantasma' na sala, ironizou- e "que formou parte do cenáculo progresista e protonacionalista" e fundacional da pintura galega. "Lugrís, Maside, Colmeiro, en diversas etapas das súa vidas, con outros e outras, contribuíron a facer desta nosa cidade a capital artística de Galicia; labor que continuarán algúns artistas aquí presentes", vaticinou Ferrín. Houbo unha palabra sentida para Moncha, a súa compañeira de vida, a quen agradeceu "terme axudado a vivir, por tantos anos, e máis" e tamén unha despedida aos asistentes traída da poeta Carme Kruckenberg.

Entre os máis de cen asistentes atopábanse persoas da vida cultural, política e empresarial galega, como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; os artistas Acisclo Manzano, Xosé María Barreiro, Antón Pulido, Silverio Rivas (Premio Laxeiro 2016), Xavier Magalhaes, Xan Bieito, entre outros como o editor Bieito Ledo e Landeiro.

Dous grandes narradores de soños -Ferrín e Laxeiro- que, segundo as palabras de Manuel Bragado, quedarán unidos para sempre a través das mans de Laxeiro.