"Non sabemos exactamente a cronoloxía de Martín Códax, calculamos que escribiu no último tercio do século XIII pero non coñecemos nada da súa persoa porque non hai novas históricas del", explica José Antonio Souto Cabo, profesor de Filoloxía Galego-Portuguesa de Universidade de Santiago, que impartirá unha conferencia en Vigo co título "A Gallaecia na que naceron as cantigas", para celebrar a ocasión de que o Pergamiño Vindel está en Galicia exposto por primeira vez; concretamente no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 4 de marzo.

"Claramente Martín Códax non era nobre, pois os autores aparecen agrupados pola pertenza a unha clase social nos cancioneiros e el aparece sempre nun conxunto do que sabemos que foron xograres, que non eran persoas da aristocracia do momento. Probablemente estivera ao servizo dalgún nobre ou participaría nalgunha corte. Debía vivir diso, pola calidade da obra foi un dos xograres máis destacados. Tal vez tivo que ver coa corte do rei Sancho IV, iso din algunhas hipóteses", describe Souto Cabo.

O acto terá lugar este venres ás 19.30 horas no café de Catro a Catro. Organizado pola Marea de Vigo, contará coa presentación da concelleira Margarida López Barreiro e a actuación do grupo especializado en música medieval Pres de Cambrai.

O cuarteto musical interpretará as cantigas de Martín Códax acompañados de instrumentos da época, reproducidos por diferentes obradoiros de artesáns, a partir de fontes como as miniaturas das Cantigas de Santa María, do Cancioneiro de Ajuda ou a iconografía en pedra do Pórtico da Gloria.

Unha boa forma de mergullarse na época medieval, pois despois de escoitar as cantigas coa súa música orixinal, precisamente o que lle otorga o maior valor ao Pergamiño Vindel: o feito de que se reproduza o texto da cantiga máis as anotacións musicais. A música das cantigas, na maioría das ocasións, acabouse perdendo porque os que as copiaban non coñecían esa linguaxe musical.

Souto Cabo é autor do libro "Os cabaleiros que fizeram as cantigas" que se publicou no ano 2012 e na súa charla falará tamén dos "orixes da lírica galego-portuguesa porque moita xente non ten presente o que realmente significou para a cultura galega máis alá do seu valor como movemento literario".

Cando escribiu Martín Códax, a finais do século XII, as cantigas galego-portuguesas xa estaban nun momento maduro. Pois foi polo menos un século despois dos inicios desta lírica medieval.

De feito, as investigacións de Souto Cabo levárono a recuar un século os inicios das cantigas. O estudo do caso de João Vélaz foi revelador para el. "Sabemos que Vélaz morreu no ano 1181, se morre nese ano significa que escribiu antes desa data, polo tanto, que xa existía a lírica galego-portuguesa. É o que nos permite recuar a cronoloxía un século cara atrás, pois antes pensábase que comezara nas primeras décadas do século XIII", describe o profesor.

Despois da súa conferencia haberá tempo para un coloquio co público asistente.