Denis Suárez, o xogador do Barcelona nado en Salceda de Caselas, envíalle unha mensaxe a Ponte... nas Ondas! convidando á participación.

Podedes ver aquí o vídeo.

Escolas galegas e portuguesas realizarán programas en directo este 21 de febreiro debido a que o día 13, o Día Mundial da Radio, coincidiu coa celebración do entroido.

O portal "Escolas nas ondas!", o primeiro espazo para difundir e espallar os podcasts e os programas das escolas galegas e portuguesas e de todo o ámbito da lusofonía acollerá as produccións que se envíen.

As escolas ou os alumnos a título individual poden participar enviado os programas ou podcasts que desexen ao enderezo web@escolasnasondas.com. Tamén poden compartilos desde calquera plataforma como Ivoox, Soundcloud, iTunes, Spreaker, etc.

Outra forma de participación é o envío de mensaxes de audio ou vídeo a través de WhatsApp ao número: 603 896 496.

As escolas aínda poden sumarse a esta participación que está aberta a programas que se desenvolvan en directo desde calquera centro educativo.

Entre as propostas que as escolas poden abordar nos seus programas están os xogos tradicionais, a relación dos deportistas e a radio, o xornalismo deportivo, retransmisións deportivas na radio, a igualdade de xénero no deporte, a lingua galega e o deporte, as olimpiadas e os deportes para-olímpicos, etc.