O espazo Pescadores de historias da televisión de Galicia (TVG) visita hoxe o porto do Barqueiro, na Coruña, que conta cunha longa tradición marisqueira. As súas mariscadoras recolleron sempre ameixa, sobre todo fina e xaponesa, pero desde 2010 están a comercializar ostra rizada, unha especie xaponesa que chegou ao Barqueiro despois dun traballo experimental. Este traballo foi abandonado sen resultados, pero a pouca ostra que quedou na ría reproduciuse e hoxe é o recurso máis importante para as mariscadoras do Barqueiro.

Isabel Rodríguez, a primeira convidada desta tarde, foi a presidenta das mariscadoras e coñece ben a orixe da comercialización da ostra. Nun principio foi un problema, pois invadiu as zonas da ameixa e para extraer esta era preciso sacar primeiro a ostra, que non se podía comercializar por falta de regulamento específico. O traballo das mariscadoras reivindicando un plan para a súa explotación fixo que a Consellería de Pesca lles permitira a súa comercialización.