O matemático e humanista pontevedrés Domingo Fontán Rodríguez será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas. A homenaxe, que coincide co 230 aniversario do nacemento do científico pontevedrés, foi aprobada unanimemente polos académicos a conta do papel de Fontán como o autor do primeiro mapa topográfico de Galicia, que durante moito tempo foi o único do territorio español realizado con criterios científicos.

Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas ao investigador e aos seus campos de coñecemento para comezar a organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Fontán. Para esta tarefa xa se conta co compromiso habitual da Fundación Barrié.

Domingo Fontán naceu na localidade pontevedresa de Portas o 17 de abril de 1788. Faleceu o 24 de outubro de 1866 no Balneario de Cuntis, a onde acudira para aliviar unha cistite aguda que resultou fatal. Desde hai trinta anos os seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde se formou en matemáticas, xeografía, astronomía e meteoroloxía, foi a alma máter do seu polifacético e moi prolífico legado, unido a múltiples disciplinas. Na orixe das súas inquietudes intelectuais están os veráns que pasou en Noia co seu tío, párroco desta vila coruñesa. Alí foi onde, a través do contacto cos sacerdotes emigrados de Francia durante a Revolución de 1789, aprendeu inglés e francés.

Formado en filosofía, artes, leis, ciencias exactas e teoloxía, comezou a súa carreira docente na USC con só 23 anos como substituto nas Cátedras de Retórica e Belas Artes e de Lóxica e Metafísica. Co tempo, faríase coa titularidade das Cátedras de Elementos Matemáticos e de Física Experimental. Este proceso de acumulación de coñecemento multidisciplinar tivo un punto de inflexión nas clases de matemáticas impartidas por José Rodríguez González, coñecido como "o matemático de Bermés" (pola parroquia de Lalín), ás que Fontán asistiu no curso 1813-1814. El, que recibira o encargo de levantar o mapa da Península Ibérica, foi quen o inspirou na idea de realizar a triangulación xeodésica de Galicia, o xerme da carta xeométrica que se materializaría no primeiro mapa topográfico que se realizaba sobre o territorio español.

Foi concretamente en 1816 cando Fontán comezou os titánicos traballos de medición necesarios para levar a cabo a súa misión, aos que dedicaría os 17 anos seguintes. O método científico que usou para plasmar os resultados nun mapa foi o que xa se utilizara para trazar o de Francia e que daquela se estaba a aplicar noutros reinos europeos: a triangulación xeodésica.

Durante este tempo, foi nomeado presidente da Academia de Filosofía e comezou a súa carreira política, primeiro como concelleiro en Santiago e posteriormente como secretario da Deputación Provincial de Galicia e deputado nas Cortes polo Partido Liberal, nas que obtivo escanos polas provincias de Pontevedra e Lugo. A súa faceta política supúxolle algúns sobresaltos, sobre todo na etapa absolutista de Fernando VII, cando tivo que someterse a procesos denominados "de purificación". Porén, isto non foi obstáculo para que, tras ver unha memoria cos avances no traballo de elaboración da Carta Xeométrica, o monarca lle encargase o trazado de todo o Plan de Carreteras de Galicia, que se viña sumar á encomenda da división xudicial e municipal do territorio.

Logo de percorrer a cabalo cada recuncho de Galicia para trazar o seu mapa, a Carta Xeométrica de Galicia quedou lista en 1834, xa durante o reinado de María Cristina de Borbón, quen a mandou imprimir, aínda que a tarefa quedou pendente ata 1845.