O xénero da novela negra galega e en galego vén de engadir un novo nome: o vigués Beto Luaces, quen onte no Club FARO presentou a súa primeira novela, que acaba de sacar do prelo, Vicvs. Un lugar do común. Na charla-coloquio sobre a obra, na que xoga un papel determinante a arquitectura, Celso Emilio Ferreiro, a emigración galaica á Venezuela e a Serra do Suído, o escritor sinalou que "a pesar dos edificios que desapareceron, en Vigo inda temos unha riquza arquitectónica moi grande".

Luaces foi presentado pola editora e xornalista Teresa Rocamonde Bolanda Edicións, editorial que se encargou de que Vicvus vira a luz. Na súa intervención, Luaces destacou que na historia importa moito a arquitectura olívica. De feito, a trama da novela está sempre radicada en Vigo ou na Serra do Suído.

O autor louvaba onte que no seu libro "está toda a arquitectura viguesa. Senén, o protagonista, vive no Casco Vello, pero tamén está o Castro; o Ensanche, a zona comprendida entre a Porta do Sol e García Barbón que se creou cando se tiraron as murallas nun momento no que a burguesía local tiña diñeiro polo negocio das conservas". Tamén figuran os edificios e referencias ós movementos arquitectónicos como o eclecticismo, o modernismo, o Vigo máis moderno de Coia e a zona de Povisa, así como mencións a predios icónicos como o antigo Hospital Xeral, a Panificadora? Quedoume o Cuvi, como exemplo de arquitectura contemporánea", engadiu.

Preguntado sobre a causa que o moveu a converti-la arquitectura viguesa noutra protagonista, sinalou que "eu, de pequeno, quería ser arquitecto e como non fun capaz, convertino ó protagonista da novela".

Senén, o protagonista, é presentado como "un arquitecto vigués de éxito, cunha vida laboral que marcha como un foguete e que é varrida pola crise. El tiña un estudio cun equipo dunhas 30 para despois da crise xúntase co seu socio para traballar eles dous sós", engadiu.

Unha futura serie literaria

Apuntou no encontro coa editora e o público que "o Suído é a clave do libro e o futuro da serie" de novelas que pretende publicar baixo a nome xenérico de Vicvs. A familia do protagonista é da devandita serra e ese foi ó lugar ó que retornou do Uruguai a familia do escritor cando el era ben pequeno.

É aí onde se desencadea o conflito do libro, é aí onde se lle permite ver ó lector o contraste entre o urbano e o rural, algo que o propio Luaces viviu de rapaz cando chegou cos seus pais trala emigración.

Nun momento da historia, Senén parte cara Venezuela para asitir a un congreso de arquitectura. De Venezuela, procede un dos personaxes chave da novela, Yasmina, unha muller 20 anos menor ca el que descubrirá inda máis contrastes na trama.

Ó marchar cara o congreso en Venezuela, Senén recibe un libro dun familiar. Ese libro é Viaxe ao país dos ananos de Celso Emilio Ferreiro. "O protagonista é un arquitecto moi importante en Vigo, no culmen da súa carreira, pero de literatura galega non sabe nada. Por iso, non entende a Celso Emilio, nin entende o seu galego. A el, gústalle a literatura da novela negra sueca. É un exemplo de colonización cultural dos mass media que nos meten o que está de moda", reflexiounou Luaces.

O seu libro rescata a historia pouco coñecida e mesmo escondida do enfrontamento na Hermandad Gallega de Caracas entre emigrantes por cuestión ideolóxicas co gallo da chegada de Celso Emilio. "A emigración a Venezuela non foi igual cá de Arxentina. Foi outro tipo de emigración económica, a chegada de Celso Emilio, invitado polo Centro Galego de Caracas, orixinou un enfrontamento e de aí que escribise Viaxe ao país dos ananos. Alí, enCaracas, os exiliados tiveron moitos problemas. Comentábame o fillo de Celso Emilio que tiveron que nacionalizarse pronto para evitar ser acusados de separatistas, esquerdistas, o que podía ser unha condea moi probable de 30 anos", lebrou o escritor.

Luaces recoñeceu que se non tivera estudado Filoloxía Galega, se cadra non coñecería ese libro que calificou de "maldito". Engadiu que optou por incluílo na súa novela porque é un libro de denuncia social "moi potente. Eses poemas déronme moito xogo, hai varios extractos metidos na trama e son como pistas".

No súa intervención, agradeceu á editorial a decisión de publicarlle o libro así como o apoio dos lectores dende que saíu publicada a obra.