A última obra de Cesáreo Sánchez é "o canto das sereas", convertidas estas en musas de nomes como Villa-Lobos, Beethoven, Falla, Händel,Bal y Gay, o Códice Calixtino ou a percusión africana do ingoma. É o poemario Tempo transfigurado (Kalandraka) un percorrido por xenios da música, incluídos Bob Dylan e Patti Smith, que deixaron e deixan a súa pegada no que é o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Este libro foi presentado onte en Vigo, na libraría Cartabón. Trátase dun poemario de verbo delicioso e delicado que recolle versos como "O que non di o pensamento/ o silencio di coas súas ás pregadas" ou "Nada escoitan procesionais os días beben oblicuas as horas".

"Un poeta -comenta o autor a FARO- ten vontade de ter varias poéticas, varias maneiras de intentar acceder ó non nomeable, ó inaccesible, con palabras. En concreto, este libro vai a lugares que son dende o amor a distintas formas de amor. Creo que somos memoria dos seres que amamos. Os poemas van tomando a súa propia dimensión poética, o seu propio ton lírico; estas cousas non nacen da vontade do poeta.

-Cada poema vai adicado a un compositor ou un instrumento.

-Cada tempo histórico determina os seus sons e ritmos vitais. Teriame gustado atender máis ó jazz, pero sería outro libro. Son as músicas que me formaron e facer pé nelas permite a un poder acceder a outras formas de coñecemnto como é a poesía. Teñen en común que son dificilmente apreixables coa palabra.

-Ese é o encanto, o misterio.

-A arte ten que ser explicada dende outra arte ou intentar interpretala dende outra arte, senón para sentir un poema habería que facer outro poema. Son duas maneiras de coñecemento humano moi próximas.

-O poemario vertébrase moito na soidade.

-Tamén na orfandade que significa a ausencia de quen amou e por quen quizais un foi amado; e na busca do feminino, que implica desaprende-lo ser home. A soidade aparece dende un punto de vista positivo; o poeta ten que facer unha longa viaxe de aprendizaxe da soidade. Compróboo cando fago viaxes a outras culturas. Non é fácil estar en soidade, pode ser especialmente duro. Un tamén pode ver a soidadenas sociedades actuais, no que todo é tan fráxil e efémero. Hai que saber ve-la soidade como unha aprendizaxe de autocoñemento. Só é posible coñecerse en determinados territorios interiores dende a soidade..

-Que supón a expresión poética para vostede?

-Supón a miña vida. Non hai escicisión entre vivir e ser poeta. É algo totalizador na miña vida. Eu escribía de neno poemas. Dalgunha maneira, ser poeta é intentar manter vivo aquel rapaz que escribiu os primeiros poemas.