O programa da Televisión de Galicia (TVG) "Pescadores de historias" diríxese hoxe ao porto de Rianxo. A primeira parada será Museo do Mar, onde Quique López contará a historia da Manuela, unha embarcación practicamente invencible a mediados do século pasado, cando os remos e o vento eran as principais forzas que movían unha embarcación e chegar aos caladoiros os primeiro era moi determinante para a pesca. Nesta época, a xeiteira Manuela destacou pola súa rapidez, pola súa fasquía e os bos remeiros, e foi empregada tamén nas regatas entre os portos da ría de Arousa. O museo da vila está composto por diversos obxectos que lembran as regatas e os trofeos desta lancha.

Ramón Rodríguez foi remeiro na Manuela e contará no programa como as regatas eran acontecementos moi importantes en toda a ría de Arousa e o que significaba, como prestixio social, ser remeiro desta embarcación. Dela mesmo xurdiron as letras de varias cancións populares que se compuxeron sobre os seus triunfos. Ademais, X. H. Rivadulla Corcón falará cos netos de Ramón O Catoira, carpinteiro de ribeira, que realizou unha reparación na Manuela despois de que tivera danos por causa dun temporal moi forte.

E para comer, os reporteiros pararán en O Taberneiro, o establecemento de Jorge López e Ana Saavedra, emprazado no propio porto de Rianxo, e no que van cociñar xoubas, o peixe que habitualmente se pescaba na Manuela e o máis representativo da vila.

Por outra banda, e tamén na TVG, o programa Land Rober Tunai Show faralles hoxe un agasallo aos seus seguidores: unha edición especial en Noiteboa, que se ofrecerá despois da tradicional mensaxe da súa maxestade Felipe VI. Para seguir con aires monárquicos, o programa tamén terá o seu Xoán Carlos I comentando a actualidade da semana co seu particular estilo.