Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alfredo Dourado: "A Roda de hoxe rompe moitos mitos e estereotipos"

O grupo celebra os seus 40 anos de vida cun disco con temas en directo en Ortigueira

Alfredo Dourado, voz e baixo 3º d.), co resto da banda nunha foto promocional. // FDV

As voltas que dá a vida. Alguén que un día se senta a ver as estrelas do folc mundiais como público do Festival de Ortigueira pode, co paso do tempo, acabar no mesmo escenario a dar un concerto para milleiros de persoas. Esta é a experiencia de Alfredo Dourado e, con humor, a narra na apertura do novo disco de A Roda, "A Roda Live. Non hai soños imposibles". A banda galega celebra con este álbum os seus 40 anos de vida. Non renegan da taberna onde naceu a banda orixinaria -son os herdeiros dos pais do "Miudiño"- pero buscan abrir unha nova estela para si mesmos, inda que sen renunciar ós seus himnos. O vídeo promocional do disco poderá verse dende o martes na canle Tolemias; mentras que o disco se presenta o luns en Compostela para despois venderse en Inquedanzas Sonoras, El Corte Inglés ou Fnac.

-Que destacaría do disco?

-É un disco ecléctico que contén dende os éxitos do grupo a dous temas inéditos. Vén sendo o que ofrecemos nos directos. Tamén incluímos algunha canción instrumental, inda que non estamos afeitos a que A Roda inclúa este tipo de temas. Tamén temos temas de sempre reharmonizados, para traelos á musicalidade de hoxe en día. É unha escolla dos temas que facemos en directo.

-Abren o álbum con "40 anos máis", toda unha arela.

-Esta, xunto "Os cabaleiros da Roda", foron as que escollemos para falar do aniversario inda que as dúas con diferentes motivos. "40 anos máis" quere dicir que esperamos facer outros 40 máis coa esperanza de que non quede aquí. É un tema pop que, ó igual cá outra, sona na versión de estudo como agasallo e na versión de directo no disco. Non tódolos días se cumpren 40 anos. "Os cabaleiros da roda" enlaza coa xénese do grupo que empezou nunha taberna ó redor dunha mesa redonda. Gústame ese xogo literario da mesa e táboa redonda e roda.Eran coma os cabaleiros do Rei Artur que se xuntaban con outros fins e intencións.

-Tal e como está hoxe o mercado musical no que hai proxectos excelentes pero tamén moita frivolidade, como ven vostedes a saúde do folc na Galicia. A priori, ven doado chegar a vivir outros 40 anos máis?

-Chegamos a un momento no que o folc galego chegou ó tope. No mundo, ten un recoñecemento. Temos moi bos músicos e grupos moi coñecidos que alcanzaron un estatus, pero ó mesmo tempo, nótase unha desidia. Por exemplo, Berrogüetto, un grupo que tivo tantos premios e recoñecemento e que xa non está. Aí hai unha dicotomía que hai que estudar: por que hai tantos grupos que van ó Festival Intercéltico de Lorient e, sen embargo, non se lles dá a importancia que deberían ter. Nós temos a sorte de ser un dos grupos grandes da historia galega pero a música ten un futuro incerto.

-Teñen algún tipo de colaboración especial no disco?

-Si, a da Agrupación Tradicional Terras do Ortegal. O noso gaiteiro é de Ortigueira e é o grupo que dirixe el alí. Quixemos facer un "Pousa, pousa" con banda de gaitas.

-Hai un percorrido por diferentes estilos musicais neste traballo que inclúe dende temas tradicionais como "Pandeirada de Mens" a temas de rock-folc e himnos como "A Rianxeira" ou "O andar miudiño".

-Si, son himnos que misturamos con cancións como "Alalá do mariñeiro", un tema tradicional que levamos ó estilo rock. Intentamos xogar coa sorpresa. "Galicia terra única" é máis ben canción de autor. A Roda de hoxe en día rompe moitos mitos e estereotipos. Hai moita xente que só en grupo de taberna. A taberna é bonita pero somos un grupo profesonal que o merece.

- A Roda xurdiu nunha taberna escoitados por un cazatalentos que lles ofreceu gravar un disco. Antrs agrupábanse ó seu redor moitas forzas artísticas. Hoxe perdeuse iso...

-Hoxe perdeuse absolutamente todo, inda que hai xente que intenta recuperalo. Tamén se perde o idioma.

Compartir el artículo

stats