María Xosé Silvar, Ses, pronunciado co e ben aberto, fala con gheada e leva tatuados uns versos de Luz Fandiño que din "Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias". O sentir desas letras enlázase co contido de cancións da cantautora galega que vén de sacar do prelo unha revisión do seu primeiro disco baixo o título de "Readmirando a condición", do que gravou ela mesma un vídeo na súa aldea, Sueiro, no Concello de Culleredo (A Coruña). O álbum é unha regravación do seu primeiro disco ó que engade un tema inédito.

- Abrumouna moito a presentación do novo disco no Culturgal a pasada semana?

-Estiven asinando discos dende as cinco da tarde ata as nove e media, os dous días. Houbo moitísima xente que agardou pacentemente as colas. Eu son moi faladora, especialmente cos meniños que che falan con sinceridade.

- Que máis sorpresa lle causa do que lle din os cativos?

-Faime ilusión que moitas nenas me digan que, coma min (Ten un tema titulado "Non son fada"), non queren ser fadas. Dinme: 'Eu son coma ti que non quero ser princesa'. Iso emocióname porque nun país e nun mundo tan cruel coas mulleres; con eses mitos gordofóbicos que matan dende a infancia causando anorexia dende os dez ou doce anos, que unha nena che diga iso é o que che dá forzas para seguir. Elas non queren ser maniquíes senón mulleres que fan cousas.

- Como vive vostede o de ser un fenómeno especial no mercado musical galego, ter éxito co seu rock e blues en galego e enchendo case sempreos aforos?

-Eu, primeiro, agradézolle moito á xente e considérome unha tipa afortunada pero non penso niso. Eu tiven a sorte de atoparme no camiño con Xavier Ferreiro, o percusionista de Luar na Lubre.É coma un irmán que me ensinou:"Mentras os demais falen e che saquen fotos, ti traballa". Eu é o día que vou a un concerto e, inda que che pareza mentira, a min, faime gracia que a xente estea alí para verme cantar. Fáiseme estraño. Eu dígolle ós meus músicos que teñan en conta que a maioría da xente que acode a vernos son familias de catro membros que pagan 17 euros de entrada, máis gasóil, máis autoestrada, máis a comida ou cena de ir alí, o que supón unha porcentaxe dun soldo que, para a maioría, é un soldo mínimo. Nós temos que facer que pague a pena que veñan vernos, que sintan o noso agradecemento. Temos a grande sorte de chegar a un sitio e saber que as butacas están todas ocupadas. Por iso, sempre saio a matar.

- A vostede, cústalle seguir os consellos como parece que di en "María, onde vas?

-É unha homenaxe á actitude irreverente. Eu son unha punk sólida; non son unha rebelde sen causa. É un canto de rebeldía fresco.

- En "Readmirando a condición", tamén ten espírito punki.

-Vén a dicir o mesmo que dicía "Admirando a condición" porque sigo admirando o mesmo de 2011 cando flipaba co grao de hipocresía social, de completa amoralidade, aletargamento. Cando pensaba que non podiamos comer máis merda, resulta que me equivocaba.

- Non queda outra que rir por non chorar?

-Eu creo que, por desgraza, é así porque hai un aumento da lexislación ditatorial. Toda a disidencia ideolóxica está criminalizada; falar é ser terrorista; reclama-lo teu dereito a pensar diferente é ser violento... Ás veces, éntranche tanta rabia, impotencia, ante determinadas cuestións, que ou ris ou te tiras pola xanela porque hai moitas inxustizas. Hai xente que entra no cárcere por nada mentras outros rouban millóns e quedan impunes.