Marilar Aleixandre, Emma Pedreira, Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Castaño ou Elías Portela son algúns dos autores que posúen o Premio de Poesía AFundación Pen Clube, apoiado pola Consellería de Cultura. Nesta edición, vén de sumarse Estíbaliz Espinosa, con As neuronas irmás. A escritora fala con FARO sobre o galardón, a rachadora relación entre ciencia e literatura; de como plasmou o falecemento de seu irmán nos poemas e de que se supón que é o éxito.

Cos pés na terra, asegura sen pensamentos volatilizados que os premios hai que interpretalos "na súa xusta medida. Danse nunhas circunstancias favorables nun momento dado". Non obstante, engade que o Premio Afundación "é un orgullo" polo xurado que o concedeu e pola traxectoria.

- O seu poemario presenta unha simbiose de literatura e ciencia?

-Eu traballo dende hai tempo no foco posto aí dunha maneira involuntaria. Sempre levo escribindo e lendo sobre ciencia. Son astrónoma afeccionada. Sempre me pareceu que separar letras e ciencia era algo absurdo, unha cuestión académica que foi demasiado lonxe. Hai moito lirismo na física ou na química da que estamos feitos. Hai un profundo vencello coa ciencia, coa astronomía, neste libro, As neuronas irmás. Hai algo aí coa intelixencia artificial e a neurociencia e outras teimas que teño. Pero tamén xira ó redor da irmandade dos humanos co cosmos, con outras especies e co que significa ser irmán persoal e socialmente. Está presente a reivindicación da intelixencia feminina cando menciona algunhas científicas femininas e a idea de irmandade porque parte da perda persoal do meu irmán, o que me fixo reflexionar sobre o que significa ser irmán e irmá. De aí, o título. O libro divídese en tres partes e a central leva o nome do meu irmán. É un pouco a cuestión persoal e emotiva dunha perda.

- Os versos teñen un alicerce forte na socioloxía?

-Si, dalgunha maneira si. A semana que vén, publico un libro de poesía que se chama Curiosidade, que fala da relación entre a ciencia e a literatura, que comparten a curiosidade como trazo común. Ese libro é a nai de As neuronas irmás.

- Vostede ten escrito programas de man para concertos da Sinfónica de Galicia que foxen do tradicional. Nun deles, incluía a pregunta: Logra o éxito quen o merece?

-Creo que hai unha compoñente de sorte moi grande porque pensamos que o éxito o ten quen o merece, porque traballamos moito... Pero, ás veces, trátase de persoas e circunstancias que están aí, que son casualidades. Tamén podemos entrar a falar sobre o que significa ter éxito. É un concepto variable, suxeito a varias interpretacións. Hai xente que o interpreta como poder, como cartos, como dominio, como que o deixen en paz... A mellor literatura non ten porque ser occidental. Non nacemos no lugar que nacemos porque o merezamos, senón porque é unha casualidade.

- E que é para vostede o éxito, en xeral, na vida?

-Primeiro, ser honesta coa nena que fun ou que son, non traizoar esa persoa que fun primeiramente. Tamén é importante conseguir certas cousas importantes como o recoñecemento ou benestar social sen pisar a ninguén, tendo a conciencia tranquila. O éxito a nivel literario é lograr escribir algo que sexa significativo para algunhas ou moitas persoas. O número non é trascendente. Que sexa trascendente o que digo pero non por que o diga eu, algo así como o que dicía McLuhan de que o medio é a mensaxe.

- Ser poeta hoxe significa manter unha resistencia vital?

-Bueno (risas), si. É unha rebeldía curiosa, creo que é manter viva a curiosidade. A poesía non é un xénero co que te vaias forrar. Pero os que a escriben teñen curiosidade pola palabra, por saber onde se pode chegar.