"Faenar lonxe da casa" é o título do capítulo de hoxe (15.30) de "Pescadores de historias", serie da Televisión de Galicia sobre a cultura mariñeira. O programa foi gravado no porto de Marín.

Nesta ocasión, X. H. Rivadulla Corcón, produtor executivo, director e guionista de "Pescadores de historias", falará con Tinso Pouseu e Álvaro Paz, que pasan meses nas augas brava do Gran Sol. Tamén con Manuel Nores, que con 18 anos xa empezou a exercer de patrón de pesca. Hoxe, xa con 86, é armador de 8 barcos que faenan na costa africana, no Atlántico Norte e no Pacifico.

Tamén coñeceremos a quen traballa en terra para a pesca de altura, como os redeiros José Landín, Emilia Neira e Manuel Piñeiro.

Na altura tamén estiveron Abel Siméns e o seu fillo, tamén Abel, que hoxe teñen unha peixería.

E o cociñeiro Mario Castro vai preparar un rodaballo na praia de Mogor, onde ten o restaurante "Merendero 2".