O primeiro mapa realizado con rigor científico en España, Carta Xeométrica de Galicia, foi obra dun galego: Domingo Fontán. Unha homenaxe durante o acto central do Día da Ciencia en Galego foi ofrecida onte no CPI Domingo Fontán de Portas (Pontevedra) ata onde se desprazou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para comparti-la mañá co alumnado.

A elección de Portas para celebra-la efemérede non foi unha decisión ó chou. O científico, xeógrafo, matemático e político nacera alí no 1788, inda que o seu falecemento foi en Cuntis, no 1866.

Entre as súas fazañas científicas, atópase tamén o ser precursor do emprego do metro como unidade de medida. Ademais, adiantouse aos mapas oficiais doutros países europeos coa utilización da escoala cenmilésima.

Con motivo da celebración, os rapaces do centro pontevedrés participaron nunha actividade de dinamización lingüística que consistiu nunha recreación da figura, vida e obra de Domingo Fontán.

Tras estas actividades, fóra do recinto escolar, realizouse unha ofrenda floral ao pé do busto do científico, na que ademais do conselleiro, participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; a secretaria de Igaciencia, Inés Ben; a presidenta da Asociación Cultural Domingo Fontán, Concha Médez; o alcalde de Portas, Víctor Estévez; a concelleira de Educación, María Isabel Novo; e o director do CPI.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez destacou que con esta celebración se está "facendo xustiza" a un galego que "hai 200 anos demostrou estar na vangarda da ciencia mundial" ao elaborar o primeiro mapa moderno de Galicia, cunha metodoloxía hoxe considerada precaria, pero que no seu día resultou ser avanzada xa que no resto de España non se empregaría ata 40 anos despois.

O conselleiro subliñou que Fontán foi un dos "bos e xenerosos" que co seu traballo e esforzo contribúen a desmitificar o "discurso do atraso intrínseco" que inxustamente se lle atribúe a Galicia.