Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956), asesor literario do Faro da Cultura, vén de publicar Martín Códax e os xograres do mar de Vigo (Xerais). A obra supón unha actualización do libro que sacara do prelo no 1999 cando lle adicaran o Día das Letras Galegas a Códax, Meendinho e Xoán de Cangas. A actualización -con nova bibliografía e os avances na investigación das orixes do Pergamiño Vindel e no estudo das cantigas- vén da man da chegada do pergameo a Vigo, o documento no que se recollen as sete cantigas de Códax.

- Como resumiría a importancia do Pergamiño Vindel?

-Se les as cantigas de Martín Códax parece que foron escritas onte. O pergamiño é un documento de hai uns 700 anos onde aparecen escritas esas cantigas coa súa música. É sorprendente que algo do pasado teña actualidade no presente e que che siga emocionando e sendo útil. É sorprendente porque desafía a caducidade das cousas, paréceme emocionante.

- Que supón a súa exposición en Vigo, no Museo do Mar?

-Ten un triple valor. Ten un valor simbólico porque é un texto que supón a internacionalización do nome de Vigo. O seu nome aparece por primeira vez no mundo a través das cantigas dun poeta. É un texto cunha importancia indiscutible na literatura medieval e xeral. Despois, ten un terceiro valor importante: sempre se fala de que Vigo é unha cidade industrial, comercial... pero tamén é unha cidade de cultura o que non está claro para todo o mundo. A importancia desta urbe afunde as raíces nos inicios da propia historia da Galicia.

- Cre que o Vindel foi elaborado en Vigo?

-Dicir que retorna a Vigo queda bonito pero non é verdade porque nunca se confeccionou aquí. No século XIII, Vigo era unha aldea; é bastante probable que fora feito no norte de Portugal. Non é demostrable pero inclínome por esta tese. Como segundo punto, que o Vindel estea aquí ten un valor documental. Das 1.700 cantigas que temos, estas de Martín Códax e as do rei Don Dinís son as únicas que recollen a música ( partituras), o que representa unha rara avis na literatura medieval.

- Vostede defende a idea de que este pergameo era unha "folla voandeira".

-Unha das teorías e que é unha folla solta. É probable que a folla formase parte dun conxunto máis amplo, probablemente dun cancioneiro pequeno no que estarían as cantigas de Códax e doutros xograres. Quizais, foi sacada de aí para copia-lo seu texto para un cancioneiro maior. No método alla pecia, varios copistas copiaban un cancioneiro, repartíndose as follas. Iso explica que as cantigas aparezan no Cancioneiro da Biblioteca Nacional e da Vaticana; pero, posteriormente iso abandonouse e o pergamiño deixou de ter utilidade literaria e pasou a usarse para encadernar outro libro.

- A estas alturas, Códax segue a ser un descoñecido...

-Non sabemos se é un apelido ou un alcume. A palabra Códax é un hápax, un termo que aparece só unha vez en toda a historia dun idioma. De aí, que non saibamos o que significa. Dos trobadores que existiron, coñecemos a moitos porque asinaban co seu nome e apelidos xa que eran membros da nobreza. Cando se trataba de xograres, ó non ser membros da nobreza, é moi difícil atopalos na documentación. Probablemente, sexa Codax, sen acento, e que fora alguén cun nivel social un pouco superior ó que se pensaba nun principio. Todo o resto (que fora unha muller, por exemplo) son fantasías en technicolor, especulacións.

- No libro, mantén que a escola de cantigas medieval galego-portuguesa proviña dunha primitiva lírica autóctona.

-Non é froito do azar que Galicia tivera unha escola, primitiva lírica autóctona. Non o penso eu só. As cantigas que conservamos na actualidade ocupan un arco que abrangue de 1200 a 1350. A primeira cantiga tivo que ser escrita no 1200 porque refere unha serie de acontecementos que sucederon nesa época ( Ora faz ost´o senhor de Navarra). Pero as primeiras cantigas das que temos coñecementos xa aparecen o suficientemente elaboradas na composición para pensar que se escribiran de golpe. Seguramente, ese tipo de composicións xa se estiveran a crear antes pero non temos documentación.

- Hai autores que defenden que as sete cantigas, por orde, relatan unha historia cronolóxica.

-Din que son unha narración. Iso daríalles máis valor, sendo un caso único na lírica medieval. Eu, sinceramente, non o vexo. Eu creo que as sete cantigas aparecen como se foran sete fotos. Ti podes organizalas como che dea a gaña. Para min, son sete instantáneas, sete emocións, ó redor dunha temática; podes ordenalas doutra maneira e enténdese igual. Non creo que houbese unha idea previa de Martín Códax de contarnos unha historia de forma ordenada; inda que si constitúe unha historia de amor.