Un caleidoscopio da memoria e unha crónica vital autobiográfica que tamén serve para coñece-lo pasado de Galicia, alomenos, dunha parte de Galicia. Así se pode resumir a última achega literaria do escritor e artista galego Antón Patiño: O libro dos lugares. A cargo da Editorial Elvira, o volume serve para desmadexar a existencia de lugares de Vigo, Bueu, A Coruña, O Algarve, as montañas lucenses e mesmo Madrid, entre outros moitos. Personaxes reais como Urbano Lugrís, Carlos Oroza, Lois Pereiro o protagonizan con feitos e anécdotas reais. Todo narrado, como non!, coa vangarda como fundamento. Onte, Patiño presentaba a obra na librería Librouro, da cidade olívica.

-No libro, por un lado, aparece a idea de Manolo Rivas, no limiar, de ver Galicia como Expat, como un pobo na emigración, mesmo vagabundo; por outro, a idea de Urbano Lugrís de Galicia como unha illa encantada.

-Galicia é unha Galicia de dúas velocidades: a da costa e a do interior, inda que ese proceso está cambiando. O meu libro apela á noción de identidade como memoria máis aló da propia cronoloxía, das datas. Nos topónimos, si que estaría a illa encantada, un país inzado de topónimos, hai tantos lugares de poboación como no resto do Estado xunto. Esa é unha riqueza, unha exuberancia dos topónimos. Estes días hai unha ladaíña dramática da xeografía da cinza cos incendios. Vemos unha ringleira de nomes, centos, que van aparecendo: O Galiñeiro, Chan de Brito, As Neves, Ferreira de Pantón, Oia, O Courel... No topónimo, hai unha dimensión antropolóxica e outra xeográfica.

-Que reflexión fai vostede sobre o lugar, sobre o topónimo?

-Hai unha dimensión física do lugar e outra metafísica. Como nace un lugar? Polo consenso da xente, pero a partir de cando? Iso nunca queda claro. Parece que o nome vén acompañando á experiencia ó longo das distintas xeracións. Sen embargo, sabemos que os lugares naceron e que poden desaparecer.

-Este libro preséntase como unha biografía disfrazada ás veces de guía.

-Este libro é unha reflexión sobre a identidade e a memoria entendida como un traballo de imaxinación cos referentes que temos, como se cada xeración tivese que face-lo esforzo de volver a pensar nas cousas. Son sempre os demais os que conforman a identidade.

- Pero nel aparecen múltiples identidades para Galicia.

-Si, está a Galicia de Castelao, a de Uxío Novoneyra, a poesía de Oroza... pero tamén está John Berguer e outros. É un proxecto autobiográfico, pero non é tan importante a voz de quen escribe como a amalgama de moitos referentes como Ernesto Sábato. Tamén está presente a melancolía pero cun sentido activo e non como tristura. A melancolía é o tempo vertical do símbolo que acada a dimensión artística. Todo o libro, en realidade, fala dos procesos de creación. É un ensaio transversal onde a literatura, a arte, as viaxes testemuñan o pobo complexo que é o noso e é necesario un acougo para tomar perspectiva.

- Que procura vostede con esta obra?

-No libro, latexa a procura da liberdade. Todos temos a necesidade de construír experiencias vitais e sensoriais, neste caso, a través da escrita que busca a intimidade e o caos fenoménico, do día a día, profundo e persoal que foxe das consignas gregarias.Eu apelo a unha dimensión persoal e comunitaria do ser humano pero nun sentido de liberdade e non de manipulación do individuo. O espazo e o tempo deste momento están transformados, moitas das cousas que vemos hoxe anómalas nacen de que non hai unha harmonía.De feito, escríboo en galego para darlle pulo. O galego só estará aí se queremos que estea.