Mofa e Befa contraatacan e non, precisamente, coas espadas láser dos Jedi. Desta volta, atópanse na xirada dun novo espectáculo, "Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira", que presentaron esta semana en Ourense. Nel, falan sobre a filosofía da vida e do pensamento e sobre todo, do perralleirismo, onde "podemos atopar a verdade". Víctor Mosqueira advirte de que "non vai ser un rollo, vai ser divertido seguindo a máxima de sempre que dicía Bretch de instruír deleitando". En Vigo, poderá verse o vindeiro xoves (19 de outubro)e, en novembro, en Pontevedra (día 2), A Estrada (día 3); Tomiño (día 4); Cangas (día 11).

-Esta obra nace dunha noite de filosofía entre amigos ou dun formigueo intelectual persoal?

-Ten que ver coa decisión de retira-la filosofía do plan de estudos. Como nos gusta traballar neste mundo da polémica, falamos con Carlos Santiago que é o director do espectáculo e estudou Filosofía e ocorréusenos facer esta obra. Agora, hai moitos conflitos e non hai moito diálogo. Pensamos que o home é un animal racional que non está feito para obedecer consignas sen pensar. Necesitamos estratexias para pensar como é debido e a filosofía é unha ferramenta valiosa para iso. É un espectáculo na liña nosa, sarcástica, para reflexionar sobre Galicia e o país.

- Que repercusións augura ante a caída da filosofía

-Se clle quitan as estratexias para pensar, a xente é máis fácil de manipular por campañas mediáticas. Hai un sector da sociedade que ten nas súas mans practicamente tódolos medios... É o pensamento único que lle chaman democracia.

- Que tal se lle daba a filosofía?

-A min, mal. Aprobaba pero non era o meu forte. A verdade, non fun bo estudante. Aprobei, fixen ata primeiro de Filoloxía e logo deixeino. Gañoume o teatro.

- Se cadra, os profesores que tivemos de Filosofía centráronse moito en que memorizaramos cousas pero non fomentaban o diálogo sobre os autores.

-Si, quizais, a forma de enfocalo fallaba. No meu instituto, había un profesor de Filosofía moi bo pero, a min, non me tocou. Fausto chamábase. Era como unha especie de Sócrates. Contaban que facía as clases bastante amenas.

- Poñámonos filósofos, que é o perralleirismo que defenden nesta peza teatral?

-O perralleirismo recolle o espírito festivo do parateatral. É unha transgresión que se fai pola risa. Ten moito que ver co expresionismo popular; ten as raíces no entroido, no clown, nas farsas. Foxe do preciosismo e mesmo o parodia. Perralleiro dise dunha cousa de mala calidade, pouco feita. Nós reconvertimos o calificativo e aplicámolo ó teatro que facemos nós. Cando empezamos hai 25 anos Evaristo e eu con Quico, non tiñamos moitas axudas. Empezamos a traballar un teatro cutre para facer patente esa cutrería que había. Os espectáculos eran moi baratos; nós actuabamos en bares e pubs. Fomos dos primeiros en facelo; inda non había este boom estrano dos monólogos. Na obra dicimos que o perralleirismo é a filosofía natural do país.

- Ser un ser pensante trae máis problemas ca vantaxes?

-A esquerda deste país co boom das mareas, Podemos... está sendo atacado sen ningún respecto polos millóns de votantes. Hai un especie de trato entre a oligarquía dos medios para facelos menos axudados polos peperos e os partidos arrimados que potencian isto. Queda o diálogo pero a veces, cando queres dialogar, mándante á policía. Dicíao moi ben a campaña "Penso, logo estorbo".

- Seguimos na cova rodeados de sombras?

-Na caverna, seguimos, efectivamente, e rodeados de sombras mirando para a parede e a parede chámase televisión.