"As cantigas galego portuguesas sorprenden pola súa riqueza de matices e complexidade, porque se fixera unha literatura de tan boa calidade contando con tan poucos medios", asegurou o catedrático de Lingua e Literatura Galega e asesor literario do suplemento "Faro da Cultura" de FARO, Xosé Ramón Pena. "As cantigas de Martín Códax son moi boas", valorou o experto e -"sen ningunha sorte de falso patriotismo", avanzou- "a nosa literatura medieval é moi orixinal se a comparamos coas da época".Trataba de dar resposta así a coincidencia de tres grandes trobadores no eixo da ría de Vigo, como foron Martín Códax, Mendiño e Xohán de Cangas ao termo dunha charla titulada "O Pergamiño Vindel de Martín Códax chega a Vigo" no Club FARO. O historiador literario tamén desvelou a posibilidade de que o Pergamiño Vindel teña varios compositores.

A profesora de Filoloxía inglesa na Universidade de Vigo, Dolores González, e vicerreitora de Estudantes, que foi responsable das xestións coa Morgan Library de Nova Iorque, desvelou o propósito de que "Martín Códax se converta no autor galego máis traducido a linguas do mundo, e Vigo a cidade que apareza escrita en máis idiomas e alfabetos", en relación as actividades que organizaron con motivo da chegada do pergamiño Vindel e que comunicaron á Fundación Morgan en Nova Iorque. "Participarán setenta tradutores, aos idiomas máis falados, e tamén ao quechua, bengalí, maorí...", desvelou.

Tamén, que haberá un simposio, unha guía didáctica, concerto de Nadal na Universidade e publicacións asociadas adicadas ao Vindel. González desgranou como foi o longo procedemento que culminou coa chegada a Vigo o Pergamiño Vindel. E tamén as duras condicións impostas pola Fundación norteamericana que o custodia desde 1977 e que incluíron o cambio de ubicación da exposición, que pasou do Museo Marco ao Museo de Mar, no que finalmente se exporá. "O máis difícil foi a espera polo convenio, que tardou meses", recoñeceu a profesora da UVigo.

O presidente da Asociación Cultural Pertenza de Vigo, Xacinto Barreiro, explicou por que este grupo -fundado en 2010- se encargou xunto coa Universidade de Vigo de que as cantigas se expoñan por primeira vez onde naceron, ao carón do mar que as inspirou, setecentos anos despois. Desde 2014 tratan de facer un monumento ás cantigas, para o que xa iniciaron xestións coas administracións e que seguen contemplando na dársena do porto de onde saen os barcos a Cangas.

Xosé Ramón Pena tamén indicou no seu discurso que as cantigas de Martín Códax están no Pergamiño Vindel pero tamén se conservan noutros dous lugares: no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (de Lisboa) e no Cancioneiro da Vaticana. A particularidade do Pergamiño Vindel é que aí ten música. E ao termo da súa intervención, amosou a tese de que varios compositores puderon compoñer as cantigas que contén ese pergamiño. Do mesmo xeito, enxalzou a figura de Angelo Colocci, do século XVI, como renacentista preocupado pola cultura que interveu de forma determinante en que se fixeran copias dos cancioneiros medievais.

A charla de Pena versou sobre como se integra o Pergamiño Vindel na tradición escrita conservada da lírica medieval." Hai unas 1.700 cantigas conservadas de 150 anos de produción, entre 1200 e 1354, "que son os anos que ocupa a lírica trobadoresca", explicou. "Non sabemos canto se compuxo, pero imaxinamos que moito máis do que chegou a nosa época. As cantigas manuscritas chegaron aos nosos días conservadas nunha serie de documentos que imaxinamos que teñen relación entre si", engadiu. E despois de repasar os cinco documentos que datan do tempo dos trobadores -onde se ubica o Pergamiño Vindel-, xunto co cancioneiro de Ajuda e o pergamiño Sharrer, referiuse a que a lírica galego portuguesa conta con menos Cancioneiros conservados. "Hai unha grande concentración de textos e repítense. Houbo poucos lugares de confección e ademais estaban moi relacionados entre eles", asegurou. A tese da que é coautor Xosé Ramón Pena pasa pola hipótese de que ao principio houbo un cancioneiro de cabaleiros, é dicir, de trobadores aristocráticos e logo houbo un segundo cancioneiro de cabaleiros (entre os anos 1275 e 1290); logo un de xoglares. Logo, aparece o Cancioneiro de Ajuda e máis tarde, habería a finais do século XVI una compilación xeral, das que logo se farían copias.