Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A estirpe enxebre dos nomes de familia

A Real Academia Galega avanza no Dicionario dos Apelidos Galegos, do que xa ten elaborado o 80% e que podería ve-la luz en dous anos con máis de 6.000 formas

Xa vai para sete anos cando un equipo de expertos recibiu o encargo da Real Academia Galega (RAG) de acomete-lo Dicionario dos Apelidos Galegos. A día de hoxe, a iniciativa atópase na recta final. "Xa temos elaborado un 80% do traballo", explicaba onte a este diario a investigadora principal do proxecto, a académica correspondente Ana Boullón. Se o devir non entorta a iniciativa, a previsión é que poida estar disponible "nun par de anos", confía a tamén lingüista e profesora na Universidade de Santiago de Compostela.

A intención é que o documento acabe por recoller máis de 6.000 formas, o que abranguerá máis do 98% da poboación galega. O fin da elaboración deste traballo é ofrecer un instrumento máis á poboación para coñece-la súa orixe familiar.

Por iso, o dicionario presentará en cada apelido a cifra de ocorrencias que ten en Galicia (número de veces que se repite), a información etimolóxica, documentación histórica na que se incluirá a datación más antiga que se coñece, información sobre a difusión xeográfica actual así como datos sobre a súa motivación.

Sobre isto último, Ana Boullón explica que "o apelido Ferreiro procede dun nome de profesión; pero Ferreira vén dun lugar onde había ferreiros e se traballaba o metal, onde había unha forxa. Estes dous apelidos irían en dúas entradas distintas porque teñen motivacións diferentes".

Xornadas en Pontevedra

Sobre o percorrido do proxecto, o seu estado actual e fin último falará Boullón ás 12.30 horas de hoxe dentro da II Xornada de Onomástica Galega, impulsada pola RAG, adicada ós nomes e apelidos. Será no Museo de Pontevedra. Boullón, organizadora da mesma, explica que se informará tamén sobre a publicación hai uns meses dunha ferramenta primordial na normalización do galego: o libro da RAG sobre os apelidos en galego e as súas orientacións para a normalización. "Nesta obra, recóllense 1.500 formas estandarizadas para os apelidos máis frecuentes. As persoas con apelidos deformados ou alterados (por castelanización) poden poñelos coa forma correcta. Iso, moitas veces, a xente non o sabe. Este libriño da RAG editouse para evitar que a xente teña que pedir informes á Real Academia Galega ou ó Instituto da Lingua Galega cando queren normalizalos no rexistro. Os apelidos recollidos nese libro son formas oficiais porque emanan da Academia".

Outra ferramenta tamén moi interesante é a Cartografía dos Apelidos de Galicia (ilg.usc.es/cag/index.jsp) onde se pode teclea-lo apelido para coñece-la cifra absoluta de veces que se rexistra na Comunidade e en que concellos. Alí, compróbase que o máis usado é Rodríguez, seguido de Fernández, González e López.

Na II Xornada de Onomástica Galega, tamén intervirá Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballador@s de Normalización Lingüística que falará da proposta de campaña dende a Administración de Xustiza para recupera-la onomástica galega. "Gustarianos, opina, concienciar á sociedade sobre a necesidade de recuperar eses apelidos e nomes ademais de coñece-lo seu significado. Queremos informar de que facer para facilita-lo proceso de cambio de nome e apelido. Un bo momento para facelo é antes de nacer un fillo. Os pais poden acudir ó rexistro civil ou xulgado de paz para corrixi-lo seu apelido e así transmitirllo normalizado ó seu fillo".

Tamén intervirán nas xornadas, entre outros, o profesor da Universida de Vigo Gonzalo Navaza, os guionistas Xosé Castro Pato e Araceli Gonda. Estes falarán sobre os nomes propios na ficción literaria e audiovisual. O programa completo pode consultarse na web da RAG.

Haz click para ampliar el gráfico

Ana Boullón | Lingüista, profesora na USC

"Pérez ou González son apelidos tan galegos como Vázquez"

-De procurármo-la orixe dos apelidos galegos, ata que punto da historia poderiamos chegar?

-A maior parte deles son anteriores ó seculo XIII. En Galicia, hai unha documentación antiga moi abundante e podemos documenta-la maioría deles. Son os patronímicos os máis antigos: Martínez, Fernández€ Foron os que primeiro se utilizaron como segundos nomes na Idade Media. Entón, só podías utilizar un nome, despois facía falta algo máis para distingui-las persoas. Por exemplo, Fernández era o fillo dun home que se chamaba Fernando. Daquela, os apelidos non eran hereditarios.

-Cando xurdiron e como os apelidos relativos a elementos da natureza como carballo, pena?

-Eses son apelidos toponímicos, fan referenza ó lugar. Despois dos patronímicos, chegaron os profesionais relativos a cargos como Peleteiro, Ferreiro. Os toponímicos foron os últimos no tempo, na altura da Baixa Idade Media. Os apelidos máis frecuentes son os patronímicos, pero os toponímicos son os máis variados. Catro están na lista dos 20 máis frecuentes. O principal deles é Castro. Significa que procede dun lugar onde había un castro.

-Teñen estirpe nobre os toponímicos?

-Esa información de que che venden un escudo do teu apelido€ Todo iso é mentira porque só tiñan escudo unhas poucas familias nobres. A maior parte da xente temos apelidos que veñen de diversos sitios que falan de como era a sociedad, de como eran os lugares. Por exemplo, Boullón fai referenza a unha parroquia de Brión. Tampouco todos os Andrade proceden de familia nobre, tamén podían apelidarse así os que estiveran ó seu cargo. Cales son os teus apelidos?

-Nada galegos, Mato Pérez.

-Pensar que apelidos así non son tan galegos é unha confusión. Os que se escriben igual ca no castelán non son menos galegos. Martínez é un castelanismo da forma galega Martís, pero o resto dos patronímicos creáronse no noroeste da Península Ibérica e foron estendéndose cara o sur. Daquela, a meirande parte da Península estaba dominada polos árabes e Galicia era un reino cristiá importante. No noroeste, comezaron a formarse os apelidos Fernández, González, Rodríguez€ Vázquez, sen embargo, é un apelido exclusivamente galego. Pérez ou González son tan galegos como Vázquez.

Compartir el artículo

stats