A poeta Chus Pato (Ourense, 1955) ocupa desde onte unha cadeira no pleno da Real Academia Galega (RAG), enchendo coa súa poesía a vacante que deixou o tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro tras o seu pasamento. Pato representa a sexta voz feminina na institución, amais de ser a primeira muller ourensá no pleno da RAG. O Paraninfo do IES Otero Pedrayo, na cidade das Burgas, foi o lugar escollido pola Academia para celebrar a sesión extraordinaria pública, por ser o centro educativo no que a nova académica cursou os seus estudos.

O "medo" que a autora sentiu aos 9 anos cando percorreu o salón para examinarse e ingresar no instituto tornouse onte en emoción ao presentarse ante o plenario da RAG acompañada das tamén académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey. "Una fermosa e histórica fotografía", recoñeceu o presidente, Víctor Freixanes, "xa que por primeira vez dúas mulleres académicas e outra que o vai ser entran xuntas nesta casa; esto ten que ver coa filosofía que a Academia ven defendendo nos últimos anos".

Chus Pato reivindicou a poesía como "un dos medios que un idioma usa para sobrevivir". Un idioma, expresou a autora, "vive a través dos poetas". "O poema é un dos medios que un idioma usa para sobrevivir. Un idioma vive a través dos poetas, a miúdo un poema leva a escritura do poeta máis alá do que el ou ela puidesen sospeitar, ese é o intre no que o futuro do idioma invade o presente", expresou.

O seu discurso, titulado Baixo o límite, foi pronunciado ante un salón que se quedou pequeno para acoller ao público e no que coincidiron intelectuais, cargos públicos de diferentes cores políticas, familiares e compañeiros da nova académica, entre eles, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o secretario de Política Lingüística, Valentín García; os deputados Antón Sánchez e Ánxeles Cuña; o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goreti Sanmartin, entre outros.

Chus Pato comezou lembrando a Xohana Torres, falecida o pasado día 12. Ao término da celebración a nova numeraria reivindicou tamén unha maior presenza feminina na institución e que esta vacante sexa ocupada por outra muller. "As mulleres sostemos a metade do ceo", dixo tomando as palabras de Xohana Torres, "e polo tanto o normal e que tamén poidamos estar nesa outra metade da terra, e non estar escondidas nin marxinadas".

No discurso de entrada na RAG, a autora aproveitou a ocasión para reivindicar o dereito dos nenos e mozos a seren educados na arte poética. Apostou tamén polo dereito a seguiren estudos superiores de escritura poética "se así o desexaran", para o que sería preciso contar con cátedras que impartisen aulas da materia "e que como noutras universidades do planeta" servisen de altofalante a poetas xa 'consagrados'. Tras recibir do presidente da RAG o diploma e a medalla, Pato ocupou, entre unha grande ovación, a súa cadeira.