A curtametraxe "Fisterra carne de Safari" naceu hai un ano, cando Olaia Sendón lle daba voltas a unha historia que fala de territorio e no seu ventre bulía un neno, que hoxe xa é Xandre e ten dez meses. Practicamente, ambos viron a luz a un tempo."Fisterra carne de safari" estréase hoxe en Vigo na 35.ESAV, escola dedicada o cinema e a fotografía -ás 20.00 horas, na rúa condesa Casa Bárcena de Vigo-.

"Realmente, comecei a pensala moito antes, levaba traballando desde as primeiras películas que fixen, que trataban de recuperar a memoria da costa da Morte", asegura a autora de "A Casa de Lola de Andrés" -que versa sobre a especulación inmobiliaria-. Cando o proxecto "Fisterra Carne de Safari" foi escollido polo AGADIC dentro das axudas ao talento do 2016, Olaia Sendón decidiu "aproveitar esa coxuntura da realidade": "Vou ter que contar a miña casa a un neno que vai nacer, así que a través de contos, relato o espazo que vai habitar", lembra. De aí xurdiu unha peza duns 25 minutos, que ao final incide no compromiso necesario co territorio. É un vídeo que orbita sobre o concepto de Fisterra como un territorio a habitar, a vivir, un espazo sobre o que construír unha memoria íntima e privada que nos axude a configurar unha identidade propia.

"Fisterra Carne de Safari" escolle veciños e lugares como eixo vertebrador do proxecto. Os espazos e as persoas convértense en contos sobre os que se constrúe un imaxinario propio. Porque o vídeo non é mais que este primeiro achegamento ao que serán os espazos da súa infancia, os lugares da súa identidade.

Olaia Sendón naceu en Ourense en 1978, pero viviu en Vigo ata que marcha estudar Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e hoxe é docente na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Fixo unha serie de pezas sobre a memoria da Costa da Morte, da que forma parte tamén "Os fabulosos irmáns da luz", sobre os espazos de cinema desaparecidos, e a longametraxe "Crebas," unha visión do mar a través das cousas que chegan á ribeira. En 2009 realizou "Catálogo de galaxias sociais", vídeo que acompaña o disco Kosmogonías, de Berrogüetto.