"Pescadores de historias", o programa da TVG que cada domingo para nun porto para adentrarse na vida mariñeira, viaxa hoxe ata Camariñas (A Coruña) para centrarse na captura do polbo.

Será a partir das 15.30 horas cando a canle autonómica ofreza este novo capítulo presentado por X.H. Rivadulla Corcón.

A emisión terá diferentes protagonistas. Un deles será Roberto Mas, quen se encarga das poxas de polbo na lonxa desta vila da Costa da Morte. El explicará como se efectúa a subasta de xeito electrónico. Tamén falarán da súa actividade Jaki Lista e Tono Pasantes. Eles relatarán por que é tan bo o polbiño de Camariñas. Ámbolos dous van xuntos ó mar para capturalo.

Pola súa parte, Lola Barreiro cociñará o cefalópodo para os espectadores. Ela viviu en diferentes faros sementados pola costa galega xa que o seu home era fareiro.

Ademais de Corcón, o equipo do programa está composto por Noelia López, Jaime Fernández, Natalia Penas, Tamara Navaza, David Blanco, Joaquín Eiras, J Cuña, Julia Álvare e Óscar Pardo, entre outros.