Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pepe Ferreiro: "O máis importante ó subir ó escenario é gozar co que fas e que llo transmitas ó público"

A histórica formación regresa hoxe (23.30 horas) ó Festival Intercéltico de Moaña

Milladoiro nunha anterior actuación no Intercéltico de Moaña na edición de 2014. // Gonzalo Núñez

Milladoiro leva en activo xa máis de 30 anos, nos cales non deixou de triunfar coa música tradicional galega. Son todo un referente neste estilo musical despois de actuar en diferentes escenarios e festivais internacionais, ademais de atreverse con proxectos como bandas sonoras. Sendo un dos grupos veteranos do Festival Intercéltico de Moaña, retornan nesta edición dispostos a animar ao público co seu estilo atemporal. Serán os encargados de clausurar o evento tras cinco días nos que a música folk foi a protagonista.

-Como foi a evolución de Milladoiro despois de xa máis de 30 anos?

-Máis cerca dos 40 que dos 30 [risas]. Nunha carreira tan longa hai moitos cambios, distintas concepcións das cousas. Aínda que o selo inconfundible que conseguiu Milladoiro neste tipo de música está sempre presente. Evidentemente ao longo do tempo vas incorporando cousas novas, xente nova que aporta visións distintas do que eles teñen da música...Nós somos un grupo moi democrático á hora de facer os traballos, o que sae do noso estudio é despois de que se consensuara entre todos. Calquera persoa que escoita nota diferencia, pero hai un nexo común que é o xeito inconfundible sobre como entendemos a música tradicional.

-E cal é ese xeito inconfundible?

-Non podes definir con palabras o teu selo [risas]. Sí que está aí. Milladoiro se nutre da música tradicional, é terriblemente respetuoso co que recibimos dos nosos antergos e tratamos de darlle unha visión actual. Non vai ser a mesma sensación ca dos nosos avós ou pais.

-Como dicía antes, Milladoiro probou novos rexistros e formas. É importante o cambio?

-O cambio é importante para calquera artista, calquera persoa que traballe no mundo da arte e mesmo noutros campos. Se segue sempre co mesmo véxolle mal futuro, porque pode funcionar un momento. Estamos mudando continuamente, imos aprendendo das experiencias que imos tendo e das realidades que temos ao noso arredor. As cousas son moi cambiantes e ti tes que cambiar con elas, se non estarías obsoleto e totalmente caduco.

-Non é a vosa primeira vez no Festival Intercéltico.

-Temos tocado en moitas ocasións. Para nós e sempre un pracer participar nun festival xa consolidado como o de Moaña, no que tivemos moito protagonismo nos seus primeiros momentos. Mesmo tamén estivemos sempre apoiando ese tipo de iniciativas. Estamos encantados de que se acordaran de nós outra vez máis e estar aquí en Moaña.

-Como ve o panorama do folk na actualidade?

-A música no noso país cambiou moitísimo dende que nós comezamos ata agora, como o día e mais a noite. Estabamos en precariedade e hoxe en día, trinta e pico anos despois, é recoñecible o panorama. Moitísimos grupos, moitísima xente que traballa na música tradicional, novas propostas...Cambiou moito. Nós mirabamos os grupos de fóra con envexa: "mira onde están". Eu xamais pensei que se chegaría ao nivel que hai hoxe en día, os músicos galegos nos desprazamos a festivais en todo o mundo en igualdade de condicións. Sen complexos, con calquera artista desta mesma especialidade ca nós. Evidentemente os tempos non son dos mellores, a crise económica pode conseguir que todo o que se conseguiu se termine derretindo se non temos en conta que a cultura é unha parte importante da identidade dun país. Hai que volver a vista a esta parte da cultura, se non coidamos esto o que estamos facendo é favorecer unha globalización absurda e terminará sonando todo igual. Nós estamos nun momento bo para non deixar que iso pase, pero delicado tamén porque se non se coida con esmero o propio podemos caer en que a xente que podería desenvolver labores importantes o deixe.

-Despois de tantos anos, álbumes e incluso bandas sonoras. Quédalles algo por facer?

-Home, facer fixemos practicamente de todo. Pero vaia, sempre queda algo! Sempre hai cousas que un está artellando e proxectos. O malo sería que se esgotara. Pero, sobre todo, hai algo que para nós despois de tantos anos é importantísimo, e é que cada vez que subas ao escenario goces co que estás facendo. Que non sexa un mero feito económico, que disfrutes co que fas e con isto lle transmitas ao público, que conecten. Para nós iso, en definitiva, é a maior satisfacción e fonte de forza que nos pode dar para seguir ahí onde estamos. No momento no que non ocorra, nos quedaremos cada un na súa casa tan tranquilos facendo as súas cousas [risas].

-Pero despois de ter triunfado xa.

-Iso sen dúbida. O grupo despois de tantos traballos feitos, álbumes e concertos nos sentimos recoñecidos pola sociedade tanto civil como polas institucións deste país. Eu penso que temos todos os premios deste país, o recoñecemento o temos e o sentimos. Pero despois hai outro día a día. Se non disfrutaramos do que facemos ou a xente tampouco entrase en comunión con isto, pois loxicamente o deixaríamos.

Compartir el artículo

stats