O programa 'Pescadores de Historias' da Televisión de Galicia (TVG) recala hoxe no porto de Celeiro, en Viveiro, un lugar moi singular polas toneladas de peixe que se moven nas súas lonxas.

A noite é especial nesta vila, xa que no seu porto as horas de maior actividade son nocturnas: chegan os barcos, descargan, organízase o peixe e fanse as poxas, e logo lévase o produto a moitos puntos de Europa. É un universo propio.

Nel, José Manuel Míguez atópase no seu hábitat, e organiza todo o traballo nas diferentes lonxas e na descarga dos barcos.

X.H. Rivadulla Corcón conversará co patrón dun palangreiro, Francisco López, que vai explicar cal é o seu traballo, que considera doado e realiza con moita satisfacción.

Por outra parte, no programa estará Eduardo Álvarez, que durante moitos anos foi contramestre e explicará o seu labor de organización dos traballos en cuberta, e tamén falará Arantxa Toriza, unha rapaza nova que acaba de finalizar os estudos para patrón de altura, que contará como é o mar para unha muller e as dificultades que atopou para que confiaran nela e lle deran traballo no barco.

Por último, Manuel Luís Rodríguez vai cociñar a ben recoñecida pescada do pincho do Gran Sol, e falará da calidade deste peixe e da súa experiencia como cociñeiro.

'Aquí hai praia'

Por outra banda, coa chegada do verán, volve á programación da TVG 'Aquí hai praia', que seguirá visitando os areais máis representativos de toda Galicia e coñecendo os veraneantes, as actividades que se poden realizar e as paisaxes costeiras de todo o país.

A praia de Riazor da Coruña é un dos areais de ámbito urbano máis frecuentados da cidade, pola súa situación ao pé do paseo marítimo, seu emprazamento céntrico e o ambiente familiar e cómodo. Moitos emigrantes que volven á súa terra no verán non dubidarán en lembrar os fermosos tempos pasados que gozaron nesta praia, e seus incondicionais reuniranse de novo.