A cidade de Vigo despide hoxe a un "bo e xeneroso", a un home que defendeu Galiza, as súas xentes, a súa cultura nos tempos máis difíciles que se poden imaxinar. Alfonso Zulueta de Haz será soterrado con tódolos honores.

A esa homenaxe que a familia de sangue e a das ideas das distintas fundacións e asociacións que presidiu ó longo da súa vida lle facilitarán, súmase o diario decano cunha aportación de figuras senlleiras. Para entender a súa figura, simplemente, hai que ver a listaxe de amigos que falan ben del, situados en eidos ideoloxicamente opostos como son as liñas marxistas, relixioso-católicas, socio-democrátas ou sociais.

Plumas como a de Méndez Ferrín; Ramón Villares (Consello da Cultura Galega); Xoán Carlos Abad (Instituto de Estudios Vigueses); Francisco Xavier Martínez Cobas ?(Galaxia); Francisco Domínguez (Fundación Penzol) xúntanse nunha loa común. Con eles, imos aprendendo máis de Zulueta. O adeus emotivo será hoxe. Primeiro, ás doce do mediodía na capela do tanatorio de Emorvisa en Vigo. Posteriormente, será enterrado no cemiterio de Pereiró da cidade olívica. Finalmente, a Igrexa dos Apóstoles, na rúa Marqués de Valladares, acollerá os seus funerais ás 20.00 horas.