Veciños, autoridades e intelectuais citáronse onte baixo un sol inclemente no patio do Pazo de Moldes (Boborás, Ourense), perante á casa natal de Antón Losada Diéguez, no acto de entrega dos premios literarios que levan o nome do intelectual ourensán.

O certame reivindicou a necesidade de apoiar e promocionar o libro feito en galego. A escritora Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978), galardoada na categoría de creación literaria pola súa novela "Aqueles días en que eramos malas" (Galaxia) pediu ás institucións máis de si. "Dende o punto de vista da creatividade estamos nun momento estupendo, dourado, vizosísimo pero creo que non se corresponde coa precariedade absoluta do apoio ao mundo do libro. Sería necesario moito máis investimento en traducións e promoción exterior da literatura galega. Nós poñemos a nosa semente pero ás veces vemos moitas dificultades para poder regala", dixo a FARO ao remate. "Fan falta máis cartos dos que se invisten pero moitas veces o que escasea son vontades de manter un sector profesional e industrial. Hai cousas que non pode facer por si só, e para iso están as institucións", engadiu.

Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956), colaborador do suplemento "Faro da Cultura", recibiu o Losada Diéguez deste ano no ámbito de ensaio e investigación polo seu terceiro volume da "Historia da Literatura Galega", editado por Xerais e centrado na época de 1916 e 1936, a que coincide coas Irmandades da Fala, un colectivo chave na historia do nacionalismo galego do que Antón Losada Diéguez foi integrante. "Na área na que traballo somos corredores de fondo e sentimos moitas veces a soidade. Cando premian esa traxectoria é como se che deran un balón de osíxeno", expresou Pena a este xornal tralo acto. O colaborador de FARO pasa a ser o segundo autor, despois de Xesús Alonso Montero, que obtén este galardón nas dúas modalidades. En 1988, Pena recibiuno na categoría de creación literaria pola novela "Para despois do adeus". Só hai un autor que fora quen de levar o Losada Diéguez máis veces, Xosé Luis Méndez Ferrín, con tres galardóns. "Eu son fillo dun obreiro industrial, que me ensinou que o fundamental nesta vida é faceres ben o teu oficio. Para conseguilo, aparte do talento que poidas ter, evidentemente hai que manter unha disciplina e constancia", engade Pena sobre o seu labor de investigación para "Historia da Literatura Galega III.