O porto de Ribeira destaca como o máis importante de Europa en capturas de peixe fresco. Aquí trabállanse artes de todo tipo, pero hoxe, o programa Pescadores de Historias da Televisión de Galicia (TVG) céntrase no palangre, unha arte que se considera selectiva, en canto a especies e tamaños, e que require unha importante especialización na tripulación dos barcos. Os mariñeiros de Ribeira saben que coidar o mar é imprescindible para garantir o futuro.

X. H. Rivadulla falará cun patrón de barco, Juan Vilar, da súa paixón polo mar mentres navegan pola ría de Arousa e; cun patrón de altura, Juan Francisco Pérez, que hoxe é armador con cinco barcos palangreiros que traballan nas augas das Illas dos Azores e no sur de África e cun peixeiro, Agustín Cadillo, con quen conversará das diferenzas que existen entre o peixe que se pesca co palangre e o pescado con artes de enmallado. O primeiro chega a terra en mellores condicións e o seu prezo en lonxa pode chegar a duplicarse con respecto aos prezos das outras artes.

O programa visitará a fabrica de anzois A Poutada, e Juan Manuel González, o responsable de produción, contará os inicios da empresa familiar, a cal comezou na industria cunha tenda de efectos navais, e logo comprou unha fabrica de anzois en Portugal que co tempo se trasladou a Ribeira.

Unha característica hai que ter en conta desta empresa é que dous terzos do seus empregados son mulleres, nunha aposta decidida polo emprego feminino no Concello de Ribeira. A primeira muller que entrou a traballar na fábrica, Chus Fernández, relatará como é o seu traballo e que representa para ela esta aposta polo emprego feminino.