Traducir á poesía a enfermidade dende a propia doenza non é unha proeza digna de moitos. Lois Pereiro e Eusebio Lorenzo Baleirón, na memoria, abofé son dous exemplos. No outro polo, no da esperanza verdadeira e o pulso con forza fronte o diagnóstico, atópase a poeta e profesora xubilada Luisa Abad quen presenta hoxe en Vigo o seu libro Limaduras de prata, adicado á etapa de diagnóstico e tratamento do linfoma que un día lle entregou a súa carta de presentación.

"A mensaxe aparece escrita no espello do baño" foi o verso elixido para escomezar o poemario no que o bonsai é o cancro e o momento de recibir a mala noticia "a hora conxelada" para esta poeta viguesa, nacida en A Coruña, que esta tarde presentará na cidade olívica a obra, acompañada da escritora Mercedes Leovalde ( Funambulista, onde un relato trata sobre unha doenza terminal) e a cantante María José Pérez, en Lirouro, a partir das oito da tarde.

Explica Abad que Limaduras de prata debe o título ó sabor metálico que queda na boca tralas sesións de quimioterapia; e o contido, ás noites de insomnio nas que optaba por ler ou escribir para non deixar angustiarse pola falta de sono.

A poeta -que vén participando dende hai un tempo no obradoiro literario de Antía Otero- deixa claro que o fin do libro non é unha satisfacción persoal narcisística senón unhas ansias de "desafogo" na altura do tratamento e o desexo actual de recaudar fondos para a investigación e loita contra o cancro. De aí que os fondos pola venda do poemario vaian destinados á Asociación Española contra el Cáncer.

"Ó principio, explica, pensei en face-la donación á Fundación Josep Carreras pero un día fun á Asociación contra el Cáncer e tras falar con elas, decidín confiar nesta organización".

De momento, a súa poesía intimista está a gustar ó ter saído xa a segunda edición. "Os meus poemas están moi apegados á realidade. Era o meu día a día. Eu non tiña idea de como era unha sala de quimioterapia e agora téñolle un poema adicado", detalla.

Para quen teña medo de atoparse cun poemario de escuridade e tristura, Luisa Abad bota por terra a temor. "Ten unha carga extra de mostrarse positivo", sinala, para ó mesmo tempo lamentar os recortes na sanidade: "Cando vas facer as probas médicas ves canta xente está nas listas de espera. Para os investigadores, debería haber máis recursos como tamén debería haber máis diñeiro para campañas como a da doazón de médula para evitar que a xente enferma nos hospitais teña que esperar tanto pola operación. Incluso debería investirse máis en prevención. Hai hábitos saudables que poderían previr o cancro".