Trinta anos despois de traballar na edición de "Na noite estrelecida", Xosé Ramón Pena alzouse co Premio Ramón Cabanillas que conceden o Concello de Cambados e dúas librarías da vila do albariño. O catedrático en Lingua e Literatura Galega admitiu onte no Auditorio da Xuventude que naquela época "dificilmente podería imaxinar que estivese recibindo este premio", entrando así a formar parte "dunha nómina de persoeiros de altura". "É unha honra enorme, extraordinaria", agradeceu.

Emocionado, o colaborador de FARO DE VIGO adicou o galardón ás persoas, xa finadas, que o puxeron en contacto coa obra de Cabanillas. Foron o seu "pai espiritual" e profesor de Universidade nos anos setenta, Ricardo Carballo, e Luis Mariño, o director de Edicións Xerais que lle permitiu sacar adiante "Poesía galega completa de R. Cabanillas" xunto con Xosé María Dobarro, con quen Pena quixo compartir o recoñecemento que lle brindou o pobo cambadés, un lugar "ao que me apetece vir por calquera motivo", dixo o betanceiro.

Logo de recibir un busto de Cabanillas esculpido por Eduardo Baamonde e outros agasallos, Xosé Ramón Pena quixo finalizar a súa intervención recitando uns versos do bardo cambadés con motivo do centenario de "Da terra asoballada": "Berremos alto e forte: A terra é nosa!", proclamou nun auditorio que, aínda que non cheo nin moito menos ("competimos coa Champions", recordou o concelleiro de Cultura), si estivo entregado.