O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais, dotado con 10.000 euros, escolleu onte aos finalistas de cada unha das categorías que compiten: Novela, Literatura Xuvenil e Infantil. A decisión final darase a coñecer o día 3 de xuño.

No primeiro apartado, as novelas escollidas foron Bennu, Caridad Verdet e Os días felices de Benvido Seixas. En Literatura Xuvenil, optan ao Premio Jules Verne as obras Belifante, Ceiba de luz e NS. Na sección dedicada ao relato infantil compiten na final do premio Merlín: Fígaro, Leriana, Po estelar e Max.

Os xurados determinarán as obras gañadoras o sábado 3 de xuño, día no que se celebrará a festa dos premios na illa de San Simón.