Vigo contará cunha escultura de máis de dous metros de alto de Martín Códax que podería ser ubicada nun punto de elevada confluencia pública na rúa Príncipe ou nos seus arredores.

A iniciativa ten como obxectivo homenaxear os 40 anos da historia e vida dos Premios da Crítica Galicia que onte tiveron unha gala especial de cumpreanos na cidade. Foi no seu discurso no acto, cando o alcalde vigués, Abel Caballero, anunciou este novo proxecto co que pretende ofrecer unha "acción de recoñecemento" ás mulleres e homes que crearon estes galardóns e que seguen a traballar neles. Tamén servirá para honrar a xente que fai cultura na Galicia así como ó trobador Martín Códax cuxas cantigas en galego antigo son universais.

A estatua será unha copia a grande escala da escultura que hai 40 anos deseñou Díaz Pardo como estatuíña para os premiados destes galardóns da Crítica. Nela, amósase nos característicos branco e azul de Sargadelos, a figura do trobador Martín Códax. Pola parte traseira, presenta unha cantiga do poeta medieval.

Segundo explicaron posteriormente fontes da Alcaldía a este diario, a estatua farase en "materiais resistentes" e podería situarse xunto á Farola de Príncipe ou nalgunha rúa que atravese a peonil.