O ano 1978 en Galicia non era un tempo de rosas sen espiñas e arrecendo fresco. Ata decembro, non existiría oficialmente a Constitución Española. Non había Parlamento de Galicia, non había TVG, non había Estatuto de Autonomía. O medo seguía a empregar as unllas e gadoupas para rubir polas pernas e os miolos nun mundo que surfeaba entre augas de liberdade e outras que seguían a infundir medo. A ditadura, ó seu xeito, seguía presente no Reino. Nese mar, un grupo de mozos e galeguistas maduros decidiu dar un paso e instaurar a Cea das Letras onde se darían os Premios da Crítica-Galicia co gallo de recoñecer os impulsores de proxectos culturais destacados. Os galardóns foron crecendo e este ano cumpren as catro décadas co bo desexo de durar, alo menos, outros 40 máis.

Esta arela foi confesada onte durante a celebración dunha gala por tan especial aniversario. O acto -presentado pola artista e activista cultural Paula Cabaleiro-desenvolveuse no auditorio de AFundación en Vigo ó que asistiron diferentes personalidades. Nela, o presidente da Fundación Premios da Crítica, Bieito Ledo, recoñeceu a necesidade de "axudas" que fagan soñar con outros 40 anos máis. O propio alcalde de Vigo, Abel Caballero, aproveitou para facer "un chamamento para un maior apoio das institucións".

O convite fíxoo ante o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como principais figuras políticas.

O rexedor vigués louvou os impulsores dos premios porque "trazaron unha senda chega de dignidade" nun tempo no que "había que ter un inmenso valor para xuntarse nun hotel (o Samil en Vigo) e organizar unha acción de recoñecemento" ás xentes máis destacadas da cultura galega.

Ledo recoñeceu no seu discurso que "a situación era tal que no 1978 as autoridades que hoxe acoden a este acto non existían". De feito, neses primeiros anos de existencia dos Premios, "ás veces, dende as institucións, non recibimos precisamente aloumiños".

Na gala, proxectouse un documental feito pola canle autonómica e que repasou como naceron estes galardóns. Varias persoas lembraron a anécdota da primeira Cea das Letras cando se presentou un piquete do antigo astaleiro Ascón.

O documental presentou as testemuñas de persoas como María Xosé Porteiro, Margarita Ledo, Manuel Lourenzo, Francisco Díaz-Fierros ou Méndez Ferrín. Este último asegurou na peza audiovisual que "a situación marxinal da literatura galega estaría peor se non fora polos Premios da Crítica". Méndez Ferrín xunto a Ledo e Antón Pulido foi un dos nomes que se gravaron nos alicerces destes galardóns.

Na gala, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrouse "orgullosa" de que ó fin haxa paridade de mulleres e homes no xurado destes premios que premiaron a moi poucas mulleres, o que tamén criticou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, na reportaxe de A Galega. A nota musical no acto puxérona Carlos Núñez e Pancho Álvaroez interpretando Cantigas de Santa María con flauta e unha fídula (violín medieval).