O escritor Carlos Casares será distinguido coa Medalla de Ouro da Provincia. Así o anunciou onte o presidente da Deputación Provincial, José Manuel Baltar, na clausura do acto conmemorativo do Día das Letras Galegas.

Baltar avanzou que hoxe mesmo firmará a providencia para iniciar o expediente para a concesión de dita distinción a título póstumo, iniciativa que será levada ao pleno do presente mes de maio da corporación provincial.

Baltar afirmou na súa intervención que Ourense "é un feito literario engrandecido polo seus escritores, como dixo Casares, quen universalizou o modo de narrar e abriu camiños á literatura galega", e remarcou que para a provincia de Ourense "é un orgullo a labor creativo de fillos seus, como Carlos Casares, que fan país e fan Galicia".

O acto institucional comezou cunha breve lectura dunha escolma da obra deste escritor a cargo de escolares dos centros CEIP Carlos Casares, CEIP Rosalía de Castro, IES Lagoa de Antela e IES Cidade de Antioquía, e unha actuación da cantante María do Ceo, que interpretou a canción titulada "Xinzo".