A serie documental sobre cultura mariñeira "Pescadores de historias" recolle hoxe a singularidade da Illa de Ons, onde agora viven só dúas familias, pero que deixou unha fonda pegada en todas as persoas que naceron nela. X.H. Rivadulla Corcón conversará con Cesáreo Pérez e Victoria López, un matrimonio que fixo toda a súa vida na Illa.

Os seus fillos e netos viven, con todo, en Bueu, coma outras persoas que deixaron Ons, na maioría dos casos, por cuestións de traballo e que conservan as súas casas alí.

É o caso de Susi Otero, que preside a asociación de veciños, aínda que vive en Vigo.

O programa tamén recolle o testemuño, vía Skype, de Josefa Otero e Staffan Mörling, un estudoso da cultura mariñeira de Galicia, que recorda o seu paso por Ons como a época máis feliz da súa vida.

Da ideosincrasia illá, e especialmente das súas manifestacións musicais, tamén falará a pandeireteira María do Caño, que recolleu numerosas cantigas populares canda o músico Guillerme Costa, con quen interpretará algunhas das pezas.