No ano 1958, o escritor vigués Xosé Luís Méndez Ferrín contaba con 19 anos de idade. Nesa data, inauguraba con Percival e outras historias a colección Illa Nova, reservada por Galaxia para a publicación de narrativa dos novos valores. A colección tamén daría a benvida ás letras, maxín e ideas de autores como María Xosé Queizán, Carlos Casares o Camilo Gonsar, entre outros, nos anos 60 e 70. Agora, a editorial galega homenaxea ese labor coa creación do Premio Illa Nova de Narrativa. O seu fin, "abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria". A gañadora da primeira edición coñeceuse onte, Vanesa Santiago (Sada, 1983).

O acto de entrega tivo lugar onte en Vigo e, ademais de Vanesa Santiago, o protagonista foi Xosé Luís Méndez Ferrín -articulista de FARO-, quen lle facilitou á escritora os 3.000 euros cos que está dotado o galardón. O título da novela premiada é A vida sinxela de Marcelo Firmamento. Sobre a obra, dende Galaxia, sinalaron que "é unha reinterpretación das novelas de viaxes cunha comuñón moi marcada co universo do mar e as súas lendas. Unha viaxe de retorno que parece de ida e que é finalmente unha descuberta. O xurado valorou a construción tanto da mecánica interna como global da novela, a elaboración de imaxes de gran potencial evocador".

Ferrín foi tamén protagonista porque, primeiro, foi un honor para el lembrar aquela irrupción na narrativa con Percival da man de Illa Nova. Segundo, porque o acto era organizado por Galaxia e foi dende a editorial de onde xurdiu a idea de convidalo. Sen dúbida, a entrega da distinción materializou que, quizais, comece unha nova relación entre ambas partes. Para comprendelo, hai que lembrar a trifulca que houbera na Real Academia Galega a principios de 2013 ó quedaren divididos os socios en dous bandos, ó saír no ABC a información de que a RAG tiña contratados a filla e xenro de Ferrín.

As formas levadas e o enfrontamento entre socios no seo da entidade fixeron que Ferrín renunciase a académico numerario, se ben a RAG sinalara, na boca de Xosé Luis Axeitos, que non a aceptaba e que non se ocuparía a súa cadeira. O que aconteceu nese inicio de 2013 foi un culebrón propio dun episodio cainista da Biblia que inda segue hoxe.

Por último, hai que sinalar que no acto de onte participaron a directora de Edición e Comunicación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva, mantedora da entrega do premio, no que tamén participou Francisco Castro, director xeral -o anterior responsable, Víctor Freixanes, é agora o director da RAG-; e Antón Vidal, presidente da empresa editora. Ademais, actuou Davide Salgado, Premio Martín Códax de música tradicional.