Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Víctor Freixanes: "Propoño man aberta e traballo para superar problemas e feridas persoais"

"O que me amolou foi que non viñeran ao pleno", recoñece polos críticos - "A primeira entrevista será co presidente da Xunta" - "Empezarei a petar nas portas de empresas"

Víctor Freixanes, nunha viaxe que realizou esta semana a Vigo. // R. Grobas

O polifacético editor Víctor Freixanes, novo presidente da Real Academia Galega, atópase ante a cadratura do círculo: colle o timón da institución, que sofre unha crise interna desde hai máis de catro anos, á que se suma a falta de estabilidade financeira, e a necesidade de deseñar unha estratexia para conectar coa sociedade. Quizais por iso, cita ao poeta T. S.Eliot: "Ao ser humano perténcelle o intento". Algunhas das súas responsabilidades máis inmediatas, relacionadas co Día das Letras Galegas, pasan por viaxar a Bos Aires e Xenebra para falar de Carlos Casares.

-Aínda que xa avanzou liñas estratéxicas no seu discurso de investidura, ¿podería resumir obxectivos para a RAG a catro anos vista?

-Hai un capítulo que quixera pechar neste mandato e para o que conto coa palabra de compañeiros e compañeiras, que é a gramática normativa. A Academia ten esa materia pendente desde a época de Murguía. No dicionario avanzouse moito, pero a gramática é unha urxencia sen resolver, que temos que afrontar agora. Logo está a proxección da lingua cara a sociedade; a dimensión política da Academia, que ten que velar polo uso e a dignidade da lingua. Creo que é a primeira vez que a Academia ten ao fronte a un xornalista e na sociedade contemporánea a comunicación é fundamental. Quixera profundar nas novas tecnoloxías: a web da Academia é moi digna, pero podemos facela crecer. A RAG pode participar ata en proxectos de comunicación en medios públicos de televisión e radio.

- O orzamento da Academia e a contía que aportan as institucións foi un cabalo de batalla en anteriores mandatos. Vostede que sabe de dirixir industrias culturais, proseguirá nesa loita?

-Hai que buscar unha estabilidade económica para a Academia, que nos permita traballar. Cómpre aspirar a unha estabilidade orzamentaria que nos condiciona seriamente. Os académicos traballamos sen cobrar ( ad honorem) pero hai uns equipos técnicos e de proxecto que precisan recursos. Os compañeiros que están aí, críticos e non críticos, traballan todos os días con esforzo. E precisamos recursos públicos e privados. Empezarei a tocar nas portas de empresas.

-É cordial arestora a relación coa administración autonómica?

-Como presidente da RAG teño que pensar de entrada na boa disposición das autoridades públicas, non podo ir con prexuízos. Teño que ir a corazón aberto, a ver como podemos establecer políticas de traballo común. A primeira solicitude de entrevista institucional vai ser ao presidente da Xunta. Pero tan importante como isto é a sociedade civil. Da mesma maneira, deberiamos saber implicar o mundo da economía e da empresa, e ao mundo financeiro.

-Vostede falou de reintegrar a todos os académicos nunha tarefa polo ben do idioma e do país. Pero houbo, e hai, discrepancias que segundo os afectados non se deben unicamente a cuestións formais ,senón a aspectos de fondo. É dicir, a concepcións moi diferentes do que se debe facer. Que lle vai ofrecer, vostede e o seu equipo aos críticos para que se integren?

-O traballo de todos os días, a man aberta e a colaboración. Durante estes catro anos, practicamente o 95% das cousas aprobáronse por unanimidade. E imos ver se, creando un clima de traballo no día día, superamos determinadas posicións que son o resultado de problemas e feridas persoais que eu podo comprender. A transparencia da Academia e da súa xestión está aí.

-Entre os pertencentes ao que denominan como "sector crítico" figuran nomes moi recoñecidos na nosa cultura. É posible dirixir ben a Academia sen Manuel Rivas, Xosé Ramón Barreiro, Darío Xohán Cabana ou Manuel González?

-Barreiro estivo na votación. Manuel Rivas xustificouse e explicou por que non podía estar, por razóns profesionais en Cataluña. Son seis persoas críticas moi concretas, máis un voto negativo que sei de quen é, de un total de dezanove presentes. As unanimidades e as aclamacións non son boas. A min o que me amolou foi que non viñeran ao pleno. Nas sociedades democráticas as cousas tamén se discuten votando, a favor, en contra ou con abstención.

-Cre que vai contar coa súa colaboración efectiva?

-Evidentemente. E gustaríame que os outros seis, pouco a pouco, e en cousas concretas tamén, porque son vellos amigos. Démoslle tempo. Á marxe de que hoxe amosen a súa posición de grupo porque quererían outra cousa, traballan moi ben na Academia e dalgunha desas persoas dependen dicionarios e traballos dos que estamos orgullosos.

-Pode ter influído o adianto da data do pleno como criticaron algúns?

-Sinceramente, levamos dous meses falando disto e as conversas foron avanzando... Haberá persoas que nunca se dean por satisfeitas.

-Con respecto á cuestión da normativa, recentemente Ramón Villares falou da necesidade dun achegamento aos sectores reintegracionistas. Contempla a posibilidade dunha futura revisión da perspectiva político lingüística e dos apartados referentes á normativa? Tamén o seu propio secretario, Henrique Monteagudo, ten feito declaracións cuestionando permanecer no proceso de normalización.

-É unha posición que debe discutir a Academia profesional e cientificamente, pero tamén estratéxica e politicamente. Non é bo andar a airear posicións improvisadas. Algúns académicos, eu tamén, temos posicións de buscar espazos de encontro coa familia común que é a familia brasileira- galega. O que pasa é que a lingua ten uns falantes; non é nin da Academia nin dun grupo de filólogos.

-Aí se sitúa a Lei Valentín Paz-Andrade.

-A estratexia de Paz Andrade de traer o portugués aos centros de Secundaria do país paréceme fundamental para que os mozos de Galicia podan entender as enormes posibilidades da lingua. Non me gusta a palabra lusista, pero son o presidente de todos e diso hai que falar.

"Ás veces a RAG é como un trasatlántico na ría de Vigo; hai que organizar as manobras para movela entre as bateas"

  • -Vostede asegurou que a "Academia pertence á sociedade" e a galega é actualmente complexa. Que grupos, ou persoas cre que teñen que ter representación nos labores académicos? -A Academia ten estatutos que regulan cargos vitalicios. Podemos ir ircorporando persoas, pero hai que esperar a que vaia habendo baixas ou reformar os Estatutos, cuestión que non estou en condicións de abrir agora. A Academia é unha institución con máis de cen anos de historia e con toda a tradición detrás, que ten a memoria dos devanceiros. Pero ás veces é como un trasatlántico movéndose na ría de Vigo. Hai que organizar moi ben as manobras para que se mova entra as bateas e atope a liña de saída. Existen as planeadoras. Pero un trasatlántico leva 5.000 persoas a bordo. -Pensa que están amplamente representados na RAG sectores como a investigación sociolingüistica, o ensaio e a historia da literatura, a narrativa e a poesía actuais, mesmo o xornalismo cultural? -Ata agora non estaba representada a literatura infantil e xuvenil, e chegou Fina Casalderrey; o mundo da ciencia e da didáctica e aí está Marilar Alexandre. O mundo do Dereito non está representado. Pero en Comunicación, estamos Margarita Ledo, Manuel Rivas e mais eu. Podería haber máis. -"Fomentar a incorporación de máis mulleres", dixo no seu discurso. -É unha das loitas que hai que dar. Houbo algún desencontro. Eu non estou mirando se ela é dos teus ou dos meus, estou vendo como construír un equipo de confianza para avanzar en espazos de acordo. E as dúas académicas que tiveron a xenerosidade de acompañarme, que son Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey son dúas persoas que representan o novo osíxeno. Ningunha das dúas estivo en guerrillas internas. E agora entra Chus Pato, muller poeta. A Literatura está moi representada e haberá que enriquecela con novas formas. Hai que meter persoas que teñan menos de 60 anos, por dicir unha idade elevada. O ideal serían persoas con 40 anos, que teñan currículum, experiencia e se movan fóra, para abranguer tamén as Galicias exteriores.

Compartir el artículo

stats