Na Mariña Occidental un porto de fonda personalidade é o do Vicedo, onde os seus homes e mulleres de mar traballan o marisqueo, as nasas, as artes de enmalle e o percebe. Ata alí se desplaza hoxe (15.30 h.) o programa da Televisión de Galicia "Ribeiras de Salitre".

O presentador Henrique Rivadulla comenza a súa aventura celebrando a xubilación do mar de Manolo Rivera. Levou 45 anos traballando na pesca no mar que baña o porto de O Vicedo, e conta que máis que o propio traballo en si, o que máis lle gustou foi o ambiente mariñeiro, algo no que vai seguir porque non vai deixar de vir todos os días polo porto.

Faenando preto da Illa Coelleira atopará a José Manuel Berdeal, que anda ao mar co seu pai Francisco Berdeal. Son un interesante contraste porque José Manuel está empezando no oficio do mar e ao seu pai Francisco xa lle queda pouco para retirarse. O pai lembra no seu fillo os seus propios comezos e o fillo ve no pai o vello lobo de mar que el ten que chegar a ser.

No marisqueo traballan Marisol Martinez e Isabel Solloso, que teñen unha fonda preocupación por coidar do recurso. Isto é especialmente importante no Vicedo, porque hai unha conciencia da importancia que é traballar dun xeito que faga que o recurso perdure no tempo.