Este 24 de febreiro, data na que se fan 180 anos do aniversario do nacemento da escritora máis insigne das Letras Galegas, Rosalía de Castro, celebrarase ao longo de todo o mes de febreiro cunha nova campaña promovida pola Asociación PuntoGal coa colaboración da Xunta de Galicia e mais da Fundación Rosalía de Castro. Terá por finalidade seguir impulsando o dominio .gal, desta volta cunha baixada importante no rexistro do devandito dominio e un custo de tan só cinco euros máis IVE que ofrecen os nove rexistradores acreditados que participan na promoción.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou hoxe á mañá no acto de presentación da iniciativa na sede da Fundación Rosalía de Castro en Padrón, animou a toda a cidadanía "a sumarse ao dominio .gal para contribuír a ampliar e reforzar a marca identitaria de Galicia no universo da internet e amosarlle ao mundo que as galegas e os galegos temos un compromiso sólido coa lingua e a cultura propias do noso país e coa súa proxección".

Canda García Gómez participaron tamén Manuel González e Edita de Lorenzo, presidente e directora xeral da Asociación PuntoGal, respectivamente; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Con motivo do 180º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, que se celebra cada 24 de febreiro, a Asociación PuntoGal, a Xunta de Galicia e a fundación que leva o seu nome únense para reivindicar a figura da autora. Así, durante todo o mes de febreiro o rexistro dun novo dominio .gal poderá facerse por un prezo moi reducido: desde 4,15 euros ata 5 euros máis IVE.

Os rexistradores acollidos a esta promoción son Dinahosting, Entorno Digital, Host Europe, Don Dominio, Nominalia, Arsys, CDMon, OVH.com e Openprovider. As persoas interesadas, ben poden dirixirse a eles para revisar as súas condicións, ben poden entrar en http://dominio.gal/promotion/promocion-rosalia/, onde atoparán toda a información e un resumo do ofertado polas diferentes empresas rexistradoras. A nova promoción estará aberta durante todo o mes de febreiro.

Para alén disto, PuntoGal porá en marcha nos vindeiros días unha campaña nos medios e nas redes sociais na que se representa a Rosalía cuns versos adaptados para a ocasión. A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia apoia esta iniciativa que favorece a extensión da lingua galega na internet.