O Arquivo da Real Academia Galega acaba de abrir unha nova fiestra na Rede que facilita o acceso ao público á totalidade do seu catálogo, composto por máis de 32.600 documentos vinculados á historia de Galicia desde o século XI ata a actualidade. Este servizo en liña ofrece, ademais, copias dixitais de case 3.750 destes documentos. A institución completou a migración do rexistro descritivo do seu Arquivo desde o antigo sistema de xestión á nova aplicación no contexto do proxecto Arquivo Dixital de Galicia (Arpad), promovido polo Servizo Xeral de Arquivos da Xunta. A Real_Academia Galega (RAG) activou na súa páxina, academia.gal, unha ligazón (http://academia.gal/arquivo-fondos) á web da devandita ferramenta, que dá acceso aos catálogos de máis de trinta arquivos de distintas institucións galegas.

Entre os fondos dixitalizados por completo, figuran o dos irmáns da Iglesia, que inclúe documentación relativa ao cerco da Coruña polos ingleses en 1589 ou os textos orixinais dos Xogos Florais celebrados na mesma cidade no ano 1861; o de Xohán Vicente Viqueira e a colección fotográfica de Pablo Beade, con imaxes de 1932 a 1987 de actos e actividades da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina. Están tamén xa dispoñibles en copia dixital manuscritos como o do poema Os pinos (letra do Himno galego) de Eduardo Pondal, da obra teatral O Mariscal de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte e de textos de Curros Enríquez, Fermín Bouza-Brey ou o padre Sarmiento; fotografías de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Marcial del Adalid.