Así, con ese apócope cariñoso, é como coñecemos no mundo sanitario a Begoña Domínguez, enfermeira vocacional e directiva de longa traxectoria que non precisa presentación na sanidade pública viguesa.

Para os que tivemos o inmenso privilexio de coñecela e traballar con ela non resulta doado transmitir coa palabra os sentimentos e emocións que nos produce tan sensible perda, pero cómpre sacar forzas e deixar escrito o que seguramente non lle teñamos dito en vida.

Ao longo dos seus case 40 anos de carreira profesional, sempre vinculada a Vigo, onde comezou a súa traxectoria no noso querido Xeral, exercendo en diferentes unidades, participando logo na posta en marcha da Unidade de Hospitalización a Domicilio e traballando asímesmo en atención primaria, para finalmente incorporarse á dirección de enfermería, Begoña amosou sempre as súas inmensas virtudes de traballadora infatigable e de compañeira xenerosa e sabia.

Desprendida, comprometida, detallista, sensata, tenaz, metódica, afable, tolerante, divertida, dinámica, bondadosa, ecuánime, inconformista, conciliadora?. esgótansenos os adxectivos para con ela. Pero se temos que concentralos en dous, non hai mellor elección que a do poeta Eduardo Pondal: Begoña era "boa e xenerosa", e sempre entendeou a voz dos que a rodeamos. Pero sobre todo, sempre entendeu nidiamente que o labor dos sanitarios en xeral, e da enfermería en particular, consistía en coidar e en confortar, dende a calidade e dende a calidez, a aqueles aos que lles falta a saúde. Unha saúde que no seu caso ten sido cruel e despiadada, pero que non impediu que participase moi activamente na reordenación integral da atención hospitalaria en Vigo acometida nos últimos anos.

O seu día a día transcorreu mentres aportaba a súa experiencia, a súa sabiduría e a súa enerxía na mellora da calidade e da seguridade da asistencia sanitaria na nosa área, aínda que nos últimos meses compatibilizaba á perfección este labor co seu papel de "wedding planner", para facer da voda do seu fillo Benxamín un momento inesquecible. Tan inesquecible coma o sorriso coa que falaba do moito que desfrutaba de ambas as dúas cousas: a familia e a profesión.

Paralelamente, de xeito apenas perceptible incluso para os que chegamos compartir con ela moitas horas, afrontou a enfermidade e o seu desenlace cunha enteireza e unha serenidade admirables.

Begoña é das persoas que deixan pegada, das persoas que ennobrecen unha profesión tan nobre de seu como é a enfermería. O tempo pasará e a profunda tristura de hoxe dará paso á añoranza, á saudade. Pero por moito tempo que pase, ninguén dos que traballamos con ela e chegamos a coñecela en acción, poderemos esquecela nin poderemos esquecer a súa forma de prantarlle cara á vida e ás súas circunstancias.

Grazas Begoña. Moitas grazas. E onde queira que esteas, síntete satisfeita polo que fixeches polos teus semellantes. Perseveraremos no teu empeño.

Que a terra che sexa leve.

*Xerente da EOXI de Vigo