'Irmandade' foi finalmente a elixida como Palabra do Ano 2016 na votación popular promovida polo Portal das Palabras, un proxecto impulsado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a difusión do galego. A RAG recordou que, con esta elección, os participantes nesta iniciativa quixeron render homenaxe ao centenario da fundación das Irmandades da Fala, así como "destacar a vixencia das súas reivindicacións".

Un século despois da fundación deste movemento, Irmandade convértese na Palabra do Ano 2016 tras recibir 623 dos máis de 2.000 votos emitidos. En segunda posición, con 481 votos, quedou o neoloxismo 'Porcoril', que "triunfou" nos medios de comunicación este ano para designar o cruzamento entre o porco vietnamita e o xabaril. En terceiro lugar, con 372 apoios, figura 'Alburgada' . O equipo do Portal dás Palabras escolleron os seis termos finalistas entre todos os recibidos atendendo a tres criterios: os máis populares, os de maior proxección público ao longo do ano e os que contasen con especial significación.