Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cándido Pazó: "É curioso que nun gueto se permitira cantar sobre a forza da unión fronte a tiranía"

O artista é o narrador e o director de escena da ópera "Brundibár" que hoxe se representa en Vigo

O actor Cándido Pazó, nunha actuación anterior. // S. S. S.

A proposta que lle fixeron dende Amigos da Ópera pareceulle "sedutora" e confesa que se deixou seducir. O actor, autor e director vigués Cándido Pazó aceptou tomar as rendas da dirección de escena da versión da ópera infantil "Brundibár" que hoxe se representa no Teatro Afundación (17.30 horas). Caloulle o feito de que se representase ata 55 veces nun gueto xudeu da República Checa e atraeulle a oportunidade de traballar coa Escolanía da Catedral de Santiago e a orquestra xuvenil Praeludium. Tamén asumiu o complicado labor de adaptar á música o texto traducido ao galego e buscarlle a rima e actuará de narrador.

-É a súa primeira ópera?

-Teño feito cousas con certo cariz musical, pero unha ópera é a primeira vez. Aínda que si ten as súas características específicas, o que máis especial me resultou foi traballar con nenos, porque os seus horarios nada teñen que ver cos tempos profesionais aos que estou afeito. Teñen pouco tempo e iso dáballe á metodoloxía unhas circunstancias moi específicas que realmente me fixeron aprender unha maneira de traballar distinta.

-A parte de pola súa apretada axenda, é moi diferente traballar con rapaces?

-Son disciplinados, pero non deixan de ser nenos, polo que non podes pedir a mesma perseverancia e a mesma intensidade. Son nenas -37 fronte a tres nenos- que están no coro en función de seren cantoras, e moi boas, e por tanto esa é a súa grande virtude. No aspecto teatral, hainas que tamén e outras que non tanto. É algo a ter en conta que non é a súa especialidade.

-De que fala "Brundibár"?

-É a historia dun tirano que é vencido grazas á unión dos nenos que axudan a outros dos nenos que teñen necesidade. Queren conseguir leite para a súa nai, que está enferma, e como non teñen cartos deciden que van cantar pola rúa. Pero hai unha persoa, Brundibár, que a ten acaparada e di que alí non canta ninguén máis que él, que é quen a ten acaparada. "Non admite competencia nin comparte a súa audiencia", cantan na ópera. Deciden pedir axuda a todos os nenos da cidade e xuntos vencen ao tirano. A unión fai a forza frente a tiranía.

-Tendo en conta o contexto no que se creou, que emocións esperta en vostede?

-Hai que pensar que de todos eses nenos que cantaron esta ópera ata 55 veces no gueto de Terezín, quedarían seis ou sete, e o resto morrerían nas cámaras de gas, sobre todo en Auschwitz. Vamos a ter mañá [por hoxe] en Vigo entre nós a unha sobrevivinte e é moi emocionante pensalo. É curioso que esta temática se producira nun campo de concentración. Teño a teoría de que aos nazis lles importaba un pito porque sabían de sobra que todos aqueles nenos e as persoas que contemplaban a ópera naquel gueto eran xente terminal, que había de acabar toda na cámara de gas, así que tanto daba o que fixeran.

-Por que crearon a figura do narrador nesta produción?

-Porque así aforrábamos moito tempo de traballo nos ensaios para a parte máis teatral que, en principio, sería feita polos propios nenos. Eu optimizaba o seu esforzo no que realmente eles saben facer mellor, que é cantar. Pretendín que alí onde son virtuosos fose onde lucisen. Así, o tempo dos ensaios puidemos dedicalo a darlle teatralidade aos momentos de canto e que puidésemos facer todos nos que non se canta de modo que non lles comesen nin tempo nin enerxía. Por outra parte, as óperas teñen moitas veces a circunstancia de que non se entenden moi ben. Aínda que esta está traducida ao galego, moitas veces non se entende porque o canto ten as súas peculiaridades. O narrador o que fai é aclarar estas pasaxes e relanzar a enerxía do espectáculo. De todas maneiras, fixéronse tantas versións de "Brundibár" que por que non facer unha con narrador. Tamén lle da máis entidade a unha ópera que dura media hora.

-Como se adapta un libreto traducido a música da súa ópera?

-É moi compricado. Hai moito traballo técnico e que encaixar os acentos. Dentro do compás, teñen que ir no seu sitio. O texto orixinal rima verso a verso en consonante, que é a máis complicada, e sen nengún libre. Por tanto, para catro liñas as veces botas horas ata conseguilo. Non sempre podes dicir o mesmo que o texto orixinal, pero tratas de facelo dando unha volta ou de outra maneira, facendo que o sentido sexa o mesmo. Para min foi un esforzo grande. Absorbeume moita enerxía, pero gústame e tamén aprendín outra cousa.

Compartir el artículo

stats