Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Las conferencias del Club FARO

Xosé Ramón Pena: "As Irmandades da Fala converteron a Galiza en algo positivo"

"O gran drama da Galiza decimonónica e de principios do século XX é precisamente que era un país que dimite de si mesmo", afirmou o escritor, que presentou o seu último libro

Público asistente ao coloquio no Auditorio Municipal do Areal. // Ricardo Grobas

"O labor das Irmandades da Fala foi absolutamente crucial porque foron capaces de convencer á xente do Partido Galeguista e dos partidos de esquerdas, e as veces á xente de dereitas, de que todo o que tiña que ver con Galiza era positivo, é dicir, de converterlo en sinónimo de algo positivo; de producir unha autoidenficación positiva nunha sociedade que dubidaba de sí mesma. O gran drama da Galiza decimonónica e de principios do século XX é precisamente que era un país que dimite de sí mesmo: que non valora nin o seu idioma, nin as súas tradicións, nin a súa paisaxe". O escritor e catedrático de Lingua e Literatura Galega Xosé Ramón Pena descifrou onte as claves das Irmandades da Fala nunha charla no Club FARO.

Pena presentou a terceira parte da súa "Historia da Literatura Galega" (Xerais) que abrangue os anos entre 1916 e 1939. "Podemos pensar que as Irmandades da Fala eran similares a movementos de agora que movilizan a xente que enche as prazas pero foron un movemento moi minoritario na sociedade galega. Á primeira asemblea nacionalista de Lugo de 1918 só acudiron 67 persoas. Había moi pouca xente activa realmente tendo en conta as características da sociedade galega deste tempo. A pesar da escaseza de recursos de todo tipo co que contaban hai que valorar o que foron capaces de facer Villar Ponte e os seus irmandiños", reflexionou o escritor.

"Pero a pregunta é: ¿triunfaron ou non triunfaron as Irmandades da Fala?", interpelou Pena. "Se medimos polos concelleiros alcanzados polas Irmandades foi un desastre porque non conseguiron ningún. Pero o importante deste movemento, dentro do seu legado, foi a súa capacidade de irradiación sobre outros sectores da sociedade galega. Debémoslles a popularización da nosa bandeira, que o himno galego se escoite nos actos solemnes, a revalorización da paisaxe xa que hoxe non hai ningún neno galego que pense que vive nun país feo, e a utilización dos termos galego e celta como sinónimos positivos", afirmou o asesor literario do suplemento semanal Faro da Cultura, que estivo acompañado polo poeta Román Raña, quen salientou o "rigor e a amenidade" da obra de Pena.

"Ten dúas paixóns: a historia e a literatura. Esa paixón pola historia é a súa paixón pola memoria, o seu interese por indagar na nosa historia literaria. Pena establece uns criterios moi novedosos nas súas investigacións", asegurou onte Raña no Auditorio Municipal do Areal, para, de seguido, concluir que Pena é discípulo do mestre Ricardo Carballo Calero.

Poucos capítulos dentro da historia da literatura galega e da propia Galiza son tan ricos en matices como o fenómeno protagonizado polas Irmandades da Fala. A charla de onte, "Nós, as Irmandades da Fala", xogaba con ambos conceptos. Pena explicou que a xeración das Irmandades é no plano sociopolítico e que se fala do Grupo Nós dende o punto de vista literario, pero co título da disertación quixo mesturalos.

O escritor describiu os intentos de Ramón Piñeiro para tentar de reconstruir ao galeguismo e como tentou contar con Castelao pero consideraba que políticamente "non tiña os pés na terra" ao pensar que era posible recuperar a Segunda República española porque os Aliados non o permitirían. "Piñeiro decide recuperar o galeguismo e o primero que fan é desfacer o Partido Galeguista, querían facelo dende unha perspectiva diferente", recordou Pena.

Con todo tipo de anécdotas extraídas da correspondencia de moitos dos protagonistas do momento, Pena explicou os intentos de Piñeiro por reunir entorno á figura de Ramón Otero Pedrayo a todo o galeguismo. "Otero Pedrayo era alguén libre de pecado, representaba a ese galeguismo moderado que fala dos que se consideran os valores eternos da Galiza", sinalou.

A nova publicación de "Nós, os inadaptado" de Vicentr Risco tamén xogou un papel importante nos esforzos de suma das diferentes sensibilidades ao redor do que se chamaba galeguismo.

Como explicou onte Xosé Ramón Pena, foi un movemento que tentou incluir aos conservadores e aos que estaban máis á esquerda. Por isto, dixo, Manuel Antonio, un dos grandes poetas da época, non chegou a publicar na revista Nós. "Non se sabe se foi máis por motivos estéticos ou políticos, porque Manuel Antonio era máis vangardista e de esquerda", apuntou Pena.

As luces e as sombras destes anos claves da historia do país quedan retratatos no último libro de Pena. "Non se trata de ningunha revisión, só de botar luz sobre a nosa memoria e sobre o que pode ser o futurodeste fermoso país que se chama Galiza", concluíu o escritor.

Compartir el artículo

stats