Un total de seis termos optan a converterse en Palabra do Ano 2016 nunha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié, segundo informa a institución académica. En concreto, son as palabras irmandade, eleccións, alburgada, porcoril, populismo e xenofobia.

A elección dunha delas terá lugar mediante unha votación na que pode participar toda a cidadanía e que se manterá aberta ata o 22 de decembro no Portal das palabras.

A campaña foi creada para escoller cál é o termo que mellor define os 12 meses do ano. Nunha primeira fase, esta iniciativa recibiu case 200 propostas achegadas por 1.400 usuarios.

O equipo encargado da selección escolleu estes seis termos entre todos os recibidos atendendo aos criterios dos que fosen máis populares, os que tivesen unha maior proxección pública ao longo do ano ou aqueles destacados "ben pola súa carga significativa ou pola súa construción morfolóxica", indica a RAG.